BRAVO BOSCH CLAUSURA O OBRADOIRO DE EMPREGO ALFACUCA III EN MOS, ONDE SE FORMARON 32 PERSOAS DESEMPREGADAS

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

§         A delegada territorial da Xunta en Vigo recordou esta mañá que a través do OOEE se mellorou o entorno da aldea Alfacuca cunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar de case 300.000 euros.

§         O fin último que se pretende con este Obradoiro é acadar a inserción no mercado laboral da maioría dos seus participantes.

§         Formáronse 32 persoas en 4 especialidades: agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns, instalación e montaxe de elementos de madeira, e promoción turística local e deseño gráfico.

§         O Concello de Mos xa ten redactado e presentado na Xunta de Galicia o proxecto dun futuro Obradoiro de Emprego Alfacuca IV, por cuia financiación autonómica intercedeu esta mañá ante Bravo Bosch a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, durante a clausura da terceira edición do mesmo celebrada esta mañá no Centro de Desenvolvemento Local

 

Mos, 25 de xuño de 2013.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, clausurou esta mañá, acompañada da alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego, Óscar Soto, o obradoiro de emprego Alfacuca III que a Consellería de Traballo e Benestar concedeu ao concello mosense e que ven de formar a un total de 32 persoas desempregadas dende o pasado mes de decembro.

 

Este programa mixto concedido pola Xunta de Galicia ofreceu formación e emprego en 4 especialidades: agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, montaxe e instalación de construcións de madeira, e deseño de produtos gráficos e promoción turística local durante 6 meses. Ademais, contou cos correspondentes equipos de xestión e docencia, compostos por 4 monitores, un tutor e unha directora. A Consellería de Traballo e Benestar subvencionou así con preto de 300.000 euros (282.130,56) este programa para intentar chegar ao obxectivo último de acadar a inserción no mercado laboral da maioría dos seus participantes.

 

O obradoiro de Emprego Alfacuca III formou a 32 persoas en agricultura ecolóxica (8), instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (8), montaxe e instalación de construcións de madeira (8) e deseño de productos gráficos e promoción turística local (8). As actuacións que se englobaron no proxecto e que están executadas ao 100% son a revalorización do espazo natural da aldea Alfacuca, o mantemento e mellora do parque municipal de Sanguiñeda, o mantemento e mellora do parque e zonas verdes do Campo da Feira e Multiusos municipal e, por último, a creación de materiais gráficos e a promoción turística local.

 

A administración autonómica conta que preto dun 70 por cento dos participantes cheguen á meta final deste programa: a inserción real no mercado laboral. Esta previsión faise tendo en conta os resultados de ocupación laboral que recolle o Servizo Público de Emprego Estatal para estas accións concretas.

 

Os obradoiros de emprego destínanse aos colectivos de desempregados que teñen especiais dificultades de inserción no mercado laboral. Os participantes teñen 25 ou máis anos de idade e perciben o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os 6 meses que duran os proxectos. Para este ano, a Xunta mantén a nova convocatoria para os OOEE cun investimento de 10,2 millóns de euros que se distribuirán entre 2013 e 2014 para beneficiar a máis de 1.000 desempregados galegos.

 

O Concello de Mos xa ten redactado e presentado na Xunta de Galicia o proxecto dun futuro Obradoiro de Emprego Alfacuca IV, por cuia financiación autonómica intercedeu esta mañá ante Bravo Bosch a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, durante a clausura da terceira edición do mesmo celebrada esta mañá no Centro de Desenvolvemento Local.