Campaña de reciclaxe de roupa e calzado en beneficio dos nenos saharauis

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O punto de recollida estará aberto no CDL durante todo o mes de abril

 

A concelleira de Benestar Social mosense Sara Cebreiro, anunciou hoxe a posta en marcha dunha campaña solidaria de recollida de roupa e calzado usados en beneficio da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo Concello de Mos en apoio a esta asociación da que, por outra parte, a edil Sara Cebreiro, é tamén a delegada local mosense; polo que pide “a máxima colaboración posible a tódolos veciños e veciñas de Mos”.

 

A recollida de roupa e calzado usados levarase a cabo durante todo o presente mes de abril e, incluso se fose necesario, prolongarase tamén ó longo do vindeiro mes de maio. O punto de recollida estará aberto durante todo o día de luns a venres no CDL, Centro de Desenvolvemento Local, de Mos. Ademais dos particulares, Cebreiro fai fincapé na importancia da colaboración das asociacións veciñais mosenses e nos colexios do municipio. Asimesmo a edil explica que os interesados en facer doacións de roupa e calzado usados poden solicitar máis información sobre esta campaña nas súas respectivas asociacións de veciños.

 

Cebreiro informou de que toda a roupa e o calzado usados que se recollan durante esta campaña serán destinados á reciclaxe para nova fabricación por parte dunha empresa que se encarga da recollida e reutilización do material polo que paga un diñeiro en función da cantidade acadada; diñeiro que será investido no Programa Vacacións en Paz 2013, axudando a pagar unha parte dos billetes dos cativos que veñen dende o Sáhara a pasar o verán a Mos, e na compra de alimentos e menciñas para enviar durante todo o ano ós campamentos de refuxiados saharauis.