Candido Pazó interpreta “Memorias dun neno labrego” para os alumnos mosenses da ESO

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

 

O público xeral poderá asistir esta noite a un segundo pase da función no Multiusos totalmente de balde

 

O alumnado mosense está a gozar da programación municipal organizada especialmente para eles/as con motivo das Letras Galegas. Nos colexios de Educación Infantil e Primaria impartiuse un obradoiro de música tradicional a cargo dos grupos Xógara e Tangaraño e para os/as estudantes de segundo e terceiro cursos da ESO do Instituto mosense o actor Candido Pazó interpretou esta mañá no Multiusos das Pozas  a obra de Xosé Neira Vilas, “Memorias de un neno labrego”.

 

Candido Pazó é un artista moi versátil que tanto cultiva o conto tradicional, a historia tabernaria ou o monólogo cómico, adaptándose camaleónicamente a cada tipo de programación e público.

 

O obxectivo desta iniciativa é o de de ofertar actuacións atractivas para a xuventude. A actividade consistiu nun espectáculo emotivo e divertido que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director, coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista. A estilización formal do teatro e a comunicación fresca e directa do monólogo cómico e a xograría oral. Un espectáculo de gran atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación que, combinado cunha elaborada iluminación, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Un espectáculo no que cada momento e cada situación ten a súa sonoridade da man dunha proposta musical composta para a ocasión

 

O resto da poboación mosense poderá desfrutar deste mesmo espectáculo totalmente de balde esta noite ás 22.00 horas tamén no mesmo auditorio do Multiusos das Pozas.