Chan do Bosque celebra as súas tradicionais Xornadas Culturais

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Serán do día 12 ó 15 de setembro no propio local social da agrupación veciñal

 

A Asociación de Veciños Chan do Bosque, de Amieirolongo parroquia de Sanguiñeda, organiza as súas xa tradicionais Xornadas Culturais que se celebrarán no local da propia asociación veciñal os vindeiros días 12, 13, 14 e 15 de setembro.

 

A presidenta da agrupación, Mercedes Cabaleiro, deu conta da programación deste ano que se inicia o xoves día 12 cunha exposición de labores, fotografías e antigüidades. Ó día seguinte, venres 13 de setembro, ás 21:00 horas actuará o grupo folclórico O Serán de Salceda. Mentres que o sábado amplíase a oferta de actividades con xogos populares ás 17:00 horas, Concurso de Tortillas, con 3 premios (mellor sabor, mellor presentación e á máis orixinal) ás 20:00 horas; e degustación da paella xigante amenizada polas Pandereteiras Arume, o Grupo de canto Amieiro e o Grupo Folk Os de Triana, a partir das 21:00 horas.

 

Por último o domingo, día 15, ás 10:00 horas celebrarase Misa na Capela das Angustias, ás 10:30 horas haberá un pasarrúas a cargo da Murga Airiños do Miño, ás 11:00 horas oficiarase a Misa no local social da asociación, en honra de todos os socios e veciños, cantada pola Coral Ventos do Val; ás 11:30 horas degustación de mexillóns e viño Albariño e, de seguido, concurso e poxa de plantas e produtos da terra para, ó seu remate, presenciar a actuación da Murga Airiños do Miño. Xa pola tarde, ás 16:30 horas Concurso de Tute e xogos populares, ás 19:00 horas animación infantil a cargo do grupo “Carcajadas” e ás 21:00 horas actuación do quinteto infantil de acordeonistas “Mascarenhas” de A Garda.