Chan do Bosque celebra as súas Xornadas Culturais

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Comezan mañá e durarán ata o domingo, incluíndo os tradicionais Concurso de Tortillas e Festa da Paella

A Asociación de Veciños Chan do Bosque de Amieirolongo, Sanguiñeda, organiza un ano máis as súas Xornadas Culturais que que inclúen a XXXIII Edición do Concurso de Tortillas e a Festa da Paella. Estas Xornadas celebraranse durante os días 16, 17 e 18 de setembro.

Mañá venres, 16 de setembro, comezará a celebración coa apertura da exposición de labores realizadas na Asociación. O sábado día 17 recolleranse prantas e productos da terra ao longo do día, ás 18.00 horas proxectarase cine infantil con palomitas gratis e ás 21.00 horas será o Concurso de Tortillas de adultos.

Este concurso contará con premios en metálico e trofeos para as tres primeiras tortillas nas categorías de Mellor Sabor, Mellor Presentación e Maior Orixinalidade. A hora límite para a entrega das tortillas é ás 21.00. O Concurso de Tortillas incluirá a participación infantil para nenos e nenas de ata 14 anos de idade, e os tres primeiros clasificados serán premiados con cheques sorpresa.

Tras o concurso chegará a degustación das tortillas presentadas acompañadas de ourella e sardiñas asadas. Todo amenizado musicalmente coas actuacións dos grupos Amieiro, Acordeonistas, e Algarabía. Tamén haberá bingo e a xornada do sábado rematarase cunha queimada.

Por último, o domingo 18 de setembro, ás 10.30 horas, oficiarase a Misa no local social de Chan do Bosque por tódolos socios e veciños, cantada pola Coral Asomamos. De seguido, pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas de Herville. Ás 12.00 horas celebrarase a Misa Solemne na Capela das Angustias e ás 13.00 horas realizarase a subasta de prantas e productos da terra.

O domingo estará presente durante a mañá Ana Oca, participante dos programas de televisón Master Chef Junior e Luar da TVG.

Ás 14.00 horas comezará o xantar de confraternidade a base de paella e churrasco cun prezo de 7 euros por persoa sen bebida. O prezo será de 5 euros para os menores de 12 anos. Os interesados en participar nesta comida deben formalizar a súa reserva imprescindible nos teléfonos 670 233 772, 679 210 380, 619 546 513 e 655 602 223.

A sobremesa estará amenizada musicalmente polo Trío M3 e entregaranse os premios ás tres prantas máis orixinais. Tamén se contará coa actuación de títeres de Tanxarina.