Charla sobre a obtención de Certificados de Profesionalidade no CDL de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Celebrarase o xoves 24 de outubro ás 18.30 horas

 

A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón e a de  Formación e Emprego que dirixe Óscar Soto organizan conxuntamente unha charla sobre Certificacións Profesionais que se celebrará o xoves 24 de outubro no CDL, Centro de Desenvolvemento Local, ás 18.30 horas.

 

Neste acto dirixido tanto a desempregados coma a traballadores en activo informarase ós participantes de como certificar a súa experiencia profesional. Falarase durante a charla sobre os Certificados Profesionais creados dentro da política común europea, de xeito que os interesados poidan optar a postos para os que estea cualificado en calquera país do territorio comunitario europeo.

 

Os interesados en obter máis información sobre esta iniciativa poden dirixirse telefónicamente á concellería de Participación Cidadá chamando ó número 986 33 94 04 ou ó departamento municipal de Formación e Emprego no número 986 48 77 86.

 

Esta actividade, titulada “Cualifícate”, ten un acceso totalmente libre e gratuíto para tódolos interesados en asistir e o seu principal obxectivo  é o de poder informar sobre as distintas vías polas que se poden obter os Certificados de Profesionalidade, os cales permiten acreditar as competencias profesionais no ámbito laboral.

 

Tendo en conta que máis da metade dos traballadores activos e desempregados non conta cunha acreditación recoñecida da súa cualificación profesional, e a existencia dun elevado porcentaxe de aprendizaxe non formal (cursos de formación non oficiais, actividades de voluntariado,..) que moitas veces provoca dificultades para a súa acreditación e valoración para procesos de selección e  inserción no mercado laboral. Con fin de ofrecer solucións a estas situacións, e dentro do marco da política común europea e materia de emprego, créanse os certificados de profesionalidade.

 

Os Certificados de Profesionalidade son uns documentos que acreditan as competencias profesionais adquiridas mediante formación, para o desenvolvemento dunha actividade laboral. Cada certificado está relacionado cunha ocupación ou posto de traballo e a súa  realización certifica competencias xerais para este posto de traballo. Os Certificados de Profesionalidade, pódense obter por dúas vías: vía formal (superación dun módulos formativos establecidos; neste caso estaríamos falando da formación ocupacional) e a vía non formal (mediante os procedementos para a avaliación e acreditación das competencias adquiridas a través da experiencia laboral acumulada e os cursos realizados).

 

Dende as Concellerías de Participación Cidadá e a Concellería de Emprego, quéreselle ofrecer tanto ós/ás traballadores/as desempregados/as como ós/ás traballadores/as ocupados/as do Concello de Mos a posibilidade  de poder coñecer todos estes procesos e ter coñecemento das novas normativas que van a posibilitar a obtención dos certificados de profesionalidade a aquelas persoas que estivesen traballando en distintas áreas e conten cunha dilatada experiencia pero non dispoñan dun título que o verifique.

 

As pretensións da organización desta charla son facilitar información á poboación mosense sobre a acreditación de competencias profesionais, certificados de profesionalidade e probas libres para a obtención do graduado escolar, coa finalidade de aumentar a capacitación formativa dos xoves mosenses; traballar o desenvolvemento de habilidades para a busca de recursos de formación non regrada, ofrecer coñecementos á poboación destinataria sobre os recursos e medios existentes na comunidade para a acreditación de competencias, tanto por experiencia laboral como por formación académica; achegar información sobre a formación non regrada e os certificados de profesionalidade, así como a documentación necesaria para a súa solicitude; informar sobre as competencias clave necesarias para os certificados de profesionalidade e procedementos de avaliación, facilitar información sobre a obtención libre do graduado escolar, facer das concellerías de Educación e Emprego do Concello de Mos, un punto de referencia para a orientación e o asesoramento en canto á formación e capacitación profesional se trata.

 

Os beneficiarios directos deste programa son os mozos e mozas entre 16 a 24  anos do municipio de Mos. Indirectamente tamén esta dirixido á poboación xeral veciña do Concello, así como ós xoves entre 16 e 24 anos doutros municipios e que estean interesados nestes coñecementos.