Charla sobre rabechas e enfados en menores de tres anos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Impartida por profesionais da psicoloxía na Escola Infantil de Cototorrón

A raíz dunha primeira charla de toma de contacto celebrada o mes pasado na Escola Infantil de Veigadaña, surxiu un ciclo de charlas gratuítas nas Escolas Infantís de Mos.

Naquel primeiro encontro entregóuselles aos pais e nais asistentes unha enquisa para recoller cales eran os temas que máis lles interesaban e da que se extraeu a temática das vindeiras charlas.

Este ciclo, organizado pola concellería de Política Social do Concello de Mos e impartido pola mosense Clínica de Psicoloxía Entropía, contará coa súa próxima sesión o vindeiro venres 12 de abril ás 18.00 horas na Escola Infantil de Cototorrón.

Vai dirixida a nais e pais de nenos/as de 0 a 3 anos e versará sobre rabechas e enfados.

As profesionais da clínica Entropía debaterán cos pais asistentes sobre enfados, pelexas, mordiscos, pataletas…

As ponentes compartirán tamén co público presente algunhas nocións, prácticas e técnicas para que lles sexan de axuda neste tipo de situacións con menores de 0 a 3 anos de idade.

Para máis información os/as interesados/as poden poñerse en contacto con algunha das tres Escolas Infantís de Mos. Escola Infantil de Porteliña: 986337184, Escola Infantil de Cototorrón: 986190998 e Escola Infantil de Veigadaña: 670380196.