Charlas de concienciación forestal nos colexios de Mos con motivo do Día da Árbore

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A iniciativa deu comezo hoxe e finalizará o mércores no CEIP de Petelos

Hoxe iniciouse no CEIP de Atín un programa de charlas forestais informativas en centros de Educación Primaria do municipio de Mos, promovido e organizado pola concellería de Educación mosense, que dirixe a edil Kely Monzón, e impartido por axentes forestais do Distrito número 18 de Vigo-Baixo Miño.

O Concello de Mos emprendeu esta iniciativa co motivo do Día da Árbore, e para completar a actividade realizada en cada centro, os alumnos e alumnas beneficiarios da mesma proceden tamén á plantación das especies cedidas pola Xefatura Territorial de Medio Rural de Pontevedra.

Esta actividade está dirixida ós estudantes de 5º e 6º  cursos de Educación Primaria e durante cada unha das charlas abórdase a seguinte temática: razóns para plantar unha árbore, árbores típicas de Galicia, valores e beneficios do monte, sensibilización sobre a problemática dos incendios forestais e os seus efectos negativos, e persoal que traballa no monte.

Tras a charla impartida esta mañá no Colexio de Atín, a iniciativa continuará mañán no CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda a partir das 09.45 horas, e o mércores, día 11 de abril, á mesma hora no CEIP de Petelos.