Chega hoxe á Xunta, 7 días despois de filtrarllo á prensa, o informe da Deputación

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O rexistro de saída é de data 15 de xaneiro e a filtración aos medios produciuse o venres día 10

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informa de que a data de hoxe, venres 17 de xaneiro de 2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia ven de recibir o informe sectorial da Deputación de Pontevedra sobre a modificación puntual Nº 1 do PXOM. Ao devandito informe aínda se lle deu rexistro de saída na Deputación o pasado mércores día 15 de xaneiro, pasadas as dúas e cuarto da tarde, cando se tiña filtrado á prensa o venres 10 de xaneiro, 7 días antes de recibilo.

Ante o que a rexedora local mosense volve a insistir na gravidade deste feito e no bochornoso da situación. “É lamentable que llo envíen á prensa antes de mandarllo ao interesado. Desde o momento que llo filtran primeiro aos medios, en lugar de entregarllo ao Concello, hai un claro interese político e prodúcese unha grave deslealtade institucional, tal e como veño repetindo ao longo dos últimos días”, declarou Arévalo.

A alcaldesa considera o informe da Deputación “un documento que ataca ó interese xeral de Mos. Teñen que limitarse a informar sobre un vial vial provincial afectado que se trata dunha estrada case en desuso ao existir outra estrada provincial máis recente que comunica esa zona. Asunto que se solucionaría coa trasferencia da titularidade do vial ao Concello, que é o que imos pedir”.

No informe provincial di que a modificación do PXOM “non resolve o grave problema que se crea na continuidade do servizo público viario”. Sen embargo Arévalo argumenta que “todo o contrario, xa que se pasa dunha vía de 2 carrís actuais en curva a unha proposta áxil de 4 carrís rectos de maior capacidade mellorando as conexións coa Universidade e hospitais desde Puxeiros e Mos”.

O documento remitido pola Deputación tamén indica que a modificación “non dá cumprimento a clasificación urbanística do solo ao marxe do viario proposto”, pero Arévalo aclara que “non é a administración provincial quen ten que informar sobre a clasificación do solo, non lle compete, será Urbanismo da Xunta de Galicia quen se pronuncie nos aspectos de clasificación urbanística”.

Tamén alude a Deputación Provincial a que “non concreta titularidades e forma de obtención dos terreos”, pero “como xa se dixo”, sentencia a alcaldesa, “o Concello de Mos está aberto ao diálogo e ver coa Deputación de Pontevedra as mellores solucións para a zona coa colaboración ou convenios necesarios como noutros casos da provincia de Pontevedra, nos que se transferiu a titularidade dos viais afectados aos Concellos”.

Ante o agravio sufrido polo Concello de Mos Arévalo volveu a esixir respecto para esta administración local e lembrou que o grupo municipal do Partido Popular presentará unha moción neste senso ao vindeiro Pleno Ordinario, do mes de xaneiro, do Concello de Mos, dado o claro interese político e a grave deslealtade institucional de enviar primeiro aos medios que ao Concello un informe que, a data de hoxe, acaba de ser recibido pola Xunta”.

O procedemento de modificación puntual do PXOM, que se iniciou en xaneiro de 2018, ven percorrido ata o de agora un camiño polo que se chegou á aprobación inicial en Pleno o pasado mes de setembro e polo que se deron os pertinentes pasos administrativos consistentes na solicitude de informes sectoriais, tanto por parte do Concello como da Xunta. De entre os informes xa recibidos polo Concello de Mos, solicitados algúns antes e outros despois da aprobación inicial, existen 3 favorables e 2 desfavorables, que son os do Ministerio de Fomento e da Deputación de Pontevedra. Os informes favorables son os de AENA AESA Aviación Civil, Ministerio de Economía e Empresa (Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxía da Información) e Ministerio para a Transición Ecolóxica (Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas.

O paso a dar a partir de agora será traballar sobre os informes desfavorables, xa que todas as puntualizacións son subsanables. Non é nada extraño nin inusual que os informes sectoriais dun proxecto municipal indiquen puntos a subsanar. É o habitual e trátanse de correccións que se poden realizar aínda. E ademais hai que lembrar que xa existen outros informes favorables respecto da modificación puntual do PXOM, como os de Aviación Civil e Telecomunicacións por exemplo.