Co Día da Muller á volta da esquina, Concello e Xunta perfilan a programación para conmemoralo e pactan colaboracións en materia de igualdade ao longo do 2020

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, reuníronse a semana pasada coa Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella

 

 

O pasado xoves 13 de febreiro a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, reuníronse en Santiago de Compostela coa Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, para abordar os proxectos en materia de igualdade a desenvolver polo Concello durante o presente ano 2020 e, entre eles, e xa a curto prazo, a programación municipal conmemorativa do vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Entre outras iniciativas, as tres actividades estrela do programa do Día da Muller do Concello de Mos deste ano son unha exposición a cargo das mulleres do centro EVD Galicia sito en Petelos, unha cea de confraternización para mulleres no Pavillón Óscar Pereiro e a proxección dunha película biopic sobre Concepción Areal con motivo do bicentenario do seu nacemento.

A Exposición Vieiros inaugurarase o 6 de marzo ás 20:00 horas no Pazo de Mos e estará aberta ao público ata o 5 de abril. Vieiros trátase dunha mostra inclusiva e colectiva de poesía visual que reúne as obras dun grupo de dez mulleres con discapacidade intelectual do Centro EVD Galicia de Mos xunto a seis creadores de dilatada traxectoria artística como son Paco Vila Guillén, Mikel Jáuregui, Marcos Mesa, Franklin Fernández, Alfonso Aguado e David Fernández Rivera.

O conxunto de poemas visuais creados polas diferentes mulleres con discapacidade que participan na mostra,son froito dos obradoiros de poesía visual que impartiu o poeta e dramaturgo David Fernández Rivera, impulsor e director desta iniciativa, no verán do 2019 nas instalacións do Centro.

Con esta exposición preténdese reivindicar, non só a necesidade da poesía visual nesta sociedade, independentemente das características ou circunstancias das personas que a creen, senón tamén da inclusión como pilar básico dunha sociedade máis xusta, humana e comprometida.

Vieiros reivindica a autenticidade das personas como o motor fundamental para crear poesía, algo que é independente da condición ou capacidades de cada individuo, senón propio do humano, e o demostra a través dunha colección de obras de poesía visual de mulleres con discapacidade que se aúna nun mesmo espacio coa obra de seis dos poetas visuais actuais máis representativos de España e Hispanoamérica.

A cea para mulleres maiores de 18 anos terá lugar o 7 de marzo no Pavillón Óscar Pereiro con motivo do Día Internacional da Muller. O prazo de inscrición xa se atopa aberto e as interesadas en participar na II Cea Baile “Son Muller” xa poden anotarse no Rexistro Xeral do Concello de Mos ou nas oficinas da OMIX no edificio Multiusos das Pozas. A cea dará comezo ás 22:00 horas e o prezo por persoa é de 25 euros.  O prazo de inscrición rematará o 28 de febreiro podendo inscribirse individualmente ou facer a reserva de unha mesa completa de 8 ou 10 comensais. A amenización musical da velada correrá a cargo de DJ Manu.

Xa o propio 8 de marzo e con motivo da celebración este ano 2020 do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte, que nacía en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820, proxectarase a película “Concepción Arenal” eminente penalista, funcionaria de prisións, escritora e pioneira do feminismo español. A proxección realizarase no auditorio do Centro Dotacional de Torroso ás 20:00 horas.

Ademais as representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, trataron tamén neste encontro coa Secretaria Xeral da Igualdade, a estratexia municipal para todo o ano 2020 en materia de igualdade que se basea nunha política transversal que inclúe a colaboracón entre a administración local e a Xunta de Galicia, e inclúe tamén a concienciación igualitaria en dúas liñas: prevención da violencia de xénero e igualdade. “Con esta estratexia para o presente 2020 pretendemos que o Concello de Mos se convirta nun municipio pioneiro en materia de igualdade”, destacaron alcaldesa e concelleira.

Neste senso a Secretaria Xeral López Abella, adquiriu o compromiso con Arévalo e Cebreiro e, por ende, co Concello de Mos, de aportar financiación autonómica a unha parte dos cursos do programa municipal Tempo de Lecer, que xa o ano pasado –e este ano tamén- incluiu un módulo de formación en igualdade. A Xunta fará a este programa no 2020 unha aportación económica de 5.000 euros.

Tamén será subvencionada desde a Secretaría Xeral da Igualdade a segunda edición da viaxe ás Illas Cíes para mulleres, dando resposta á clamorosa demanda da poboación feminina mosense, xa que se trata dunha saída cunha espectacular acollida e un incrible éxito de afluencia, esgotándose en poucos días as prazas ofertadas.

Arévalo, Cebreiro e López Abella abordaron tamén a posta en marcha da segunda edición do ciclo de monólogos sobre igualdade a levar a cabo durante o presente ano 2020, e que nesta ocasión, en lugar de realizarse nos bares de Mos, farase nas instalacións deportivas, para abordar e tratar o tema do machismo no deporte.

Por último contémplanse outras colaboracións entre administracións local e autonómica en materia de igualdade e por suposto tamén en materia de prevención e erradicación da violencia de xénero; e desde a Xunta de Galicia continuarase tamén subvencionando ao CIM (Centro de Información á Muller) de Mos, posto en marcha en 2017, que recibe unha axuda autonómica anual de 20.000 euros.