Cociña inclusiva en Mos polo Día da Discapacidade

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Usuarias de EVD Galicia, Escravas da Virxe Dolorosa, ensinan a escolares mosenses a elaborar marmeladas nas instalacións do seu centro en Petelos para conmemorar esta data

 

Hoxe martes, día 3 de decembro, conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e o Concello de Mos, -dende as concellerías de Política Social e Educación que dirixen respectivamente as edís Sara Cebreiro e Julia Loureiro-, en colaboración con EVD Galicia, Escravas da Virxe Dolorosa, organizaron un obradoiro de elaboración de marmeladas para escolares do municipio.

Esta mañá as usuarias do Centro Ocupacional das Escravas, sito en Petelos, foron mestras por un día dos alumnos/as de 5º curso de Educación Primaria do Colexio Mestre Martínez Alonso, de Castro-Mos, ensinándolles aos cativos a preparar marmeladas caseiras coma as que elas mesmas realizan para a venda e entre as que teñen especial éxito a de mazá, coma a que fixeron os nenos e nenas mosenses no Centro das Escravas esta mañá, e a de pemento.

Esta mañá pasaron polo centro de EVD en Petelos 31 escolares do colexio de Castro-Mos, aínda que en total serán beneficiarios desta actividade 103 cativos de 5º curso de 4 centros escolares mosenses: Mestre Martínez Alonso, Petelos, Pena de Francia e Atín; que ademais de hoxe pasarán polo centro das Escravas da Virxe Dolorosa durante as xornadas de mañá, 4 de decembro (CEIP de Petelos), e tamén os días 9 (Pena de Francia) e 12 (CEIP Atín-Cela) deste mes.

Escolares e mulleres de EVD Galicia recibiron hoxe durante o transcurso do obradoiro a visita das representantes municipais Julia Loureiro, edil de Educación, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, e da alcaldesa, Nidia Arévalo, que lles trasladaron a vontade municipal de seguir a traballar arduamente no apoio ao colectivo de persoas con discapacidade mediante diversos programas, medidas e actividades.

Os obxectivos desta iniciativa son facer visible ante a sociedade a realidade dun colectivo que, en contra do que moitos pensan, é moi válido e apto para infinidade de tarefas; e aumentar a autoestima e a autorrealización dos membros de dito colectivo, neste caso as usuarias do Centro de EDV Galicia (Escravas da Virxe Dolorosa). Así o declaraba a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e o facían saber tamén as propias usuarias das Escravas.

Por último, tamén se pretende educar na diversidade e no respecto dende a infancia, de ahí a importancia deste obradoiro con escolares; para que os nenos e nenas coñezan dende cativos a realidade da discapacidade e a vivan con tolerancia e sendo conscientes de que das persoas con discapacidade tamén hai moito que aprender.