COGAMI celebrou o acto de clausura do programa de vivenda tutelada en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

–              Asistiron a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, e os tamén edís Camilo Augusto e Gonzalo Alonso

–              Neste proxecto piloto participaron 15 persoas, divididas en quendas de 5 persoas, que conviviron durante dous meses e medio nunha casa totalmente adaptada

 

Onte celebrouse nas instalacións de COGAMI no Rebullón o acto de clausura do programa Independízate (Vivenda Tutelada), ao que asistiron, entre outros, o director do centro de Mos, Celso Álvarez, a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, e os tamén edís Camilo Augusto e Gonzalo Alonso.

 

A principios do pasado mes de febreiro cinco das corenta e dúas persoas usuarias que ten o centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten en Mos (COGAMI) acudían ao centro coa maleta feita. Durante dous meses e medio, ían ser compañeiras de vivenda, porque foron as encargadas de estrear un novo proxecto piloto de vivenda tutelada e totalmente adaptada en Mos.

 

Este programa está apoiado pola entidade financeira “La Caixa” e, tal e como apuntaba o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “aquí o que se trata é de poñer en valor as capacidades das persoas, que os espazos que temos non sexan centros permanentes, que a xente faga cada día a súa vida nun espazo”. Engadiu tamén que a través deste tipo de proxectos “se trata de demostrar que se as persoas teñen uns apoios necesarios e recursos poden xestionar a súa vida, tomar as súas propias decisións”.

 

Baixo o nome de Independízate, COGAMI desenvolveu un proxecto co que se pretende mellorar a calidade de vida e, sobre todo a autonomía das persoas con discapacidade física. O obxectivo era adestrar a 15 persoas en habilidades para a vida autónoma, polo tanto, as persoas participantes tiveron a oportunidade de convivir nun espazo adaptado, tendo a disposición persoal de apoio que lles acompañou no seu proceso de aprendizaxe e adestramento. A posta en funcionamento deste servizo foi un recurso de vivenda tutelada para persoas con algún grao de dependencia e que precisen nun futuro deste tipo de servizo.

 

Este proxecto ía dirixido tanto a persoas que contan con axuda dunha terceira persoa como tamén para as que non a teñen. Todas elas tiveron que realizar tarefas propias para desenvolverse do xeito máis autónomo posible e traballar aspectos básicos da economía familiar, control de gastos, a xestión de compras, así como o aseo e coidado persoal, as tarefas de limpeza do fogar e o tempo de lecer ou esparexemento tanto dentro como fóra da vivenda.  A convivencia implicou tamén acudir a citas médicas ou facer calquera outra xestión administrativa. O proxecto contemplou un servizo de acompañamento e transporte que lles facilitou estas tarefas.

 

Para a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, este proxecto é “un exemplo de igualdade para que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades “. A alcaldesa manifestouse encantada con este proxecto e felicitou tanto ao Presidente de COGAMI como ao Director do centro de Mos por “ter unha vivenda onde as persoas usuarias se sentiran totalmente integradas, onde puideron ter a súa independencia total”.

 

Ademais as habitantes da vivenda tutelada puideron tamén compartir cociña e mesa coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, durante unha cita moi especial, concertada o 4 de febreiro na presentación da vivenda tutelada de COGAMI no Rebullón. Quedou cos seus cinco habitantes para preparar a cea e compartir unha velada chea de confidencias, traballo en equipo e divertidas anécdotas. Arévalo, rexedora local mosense, declarou tras a experiencia, que tivo lugar no mes de marzo, que “estou feliz. Grazas a COGAMI por darme esta oportunidade de compartir cociña e mesa cos integrantes da súa vivenda tutelada. Grazas de corazón. Foi unha verdadeira honra compartir este momento con este grupo de persoas que buscan ter máis oportunidades”.

 

O equipo de profesionais que levou a cabo o proxecto estivo formado por 2 persoas coidadoras, unha traballadora social, unha terapeuta e unha pedagoga que tiveron como misión o acompañamento no desenvolvemento de obxectivos individuais que posibilitaran a vida autónoma das persoas participantes, así como o acompañamento e apoio no desenvolvemento das actividades que se foron organizando no proxecto.