COMEZAN AS OBRAS NO ACCESO TRASEIRO DO COLEXIO DE ATÍN

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Tras un arduo procedemento no que foron necesarios numerosos trámites, entre os que se atopou a cesión da parcela colindante, comeza a obra de mellora do acceso traseiro do Colexio de Atín. Trátase dunha obra consistente na adaptación e reforma do acceso traseiro ao CEIP de Atín mediante a acometida dun acceso pavimentado para os autobuses a nivel co colexio para que os nenos accedan ao centro sen barreiras arquitectónicas, e na renovación do peche da parcela do colexio, cunha lonxitude de 124 metros lineais. O orzamento total de execución por contrata para estes traballos ascende a 38.699,32 euros.

Esta obra está financiada por parte da consellería de Educación da Xunta de Galicia, que tamén se encarga no CEIP Atín-Cela de traballos de substitución da carpintería exterior mediante os que se renovan as ventás instalando outras novas de aluminio en todo o centro. Os traballos supoñen unha inversión que supera os 45.000 euros e revirten nunha importante optimización do illamento térmico das instalacións do centro educativo coa conseguinte mellora da eficiencia enerxética e aforro en gastos de climatización.

Por parte do Concello este centro educativo está a ser obxecto de varias obras de mellora acometidas con fondos propios municipais, entre as que se atopan a construción dun novo almacén de limpeza e diversos traballos nas novas oficinas do centro.