Concello, AEMOS e Xestur asinan ante notario a cesión do dereito de superficie do terreo no que se asenta o viveiro de empresas da Veigadaña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Agora iniciarase o trámite de adxudicación da xestión do viveiro á Asociación de Empresarios, quen próximamente abrirá o concurso público para os interesados en ocupar un dos 4 talleres de carácter industrial 4.0 dispoñibles no edificio

Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, -acompañada pola concelleira de Urbanismo, Julia Loureiro-, o presidente da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), Manuel Castro, e Argimiro Marnotes, en representación de Xestrur, asinaron ante notario a cesión do dereito de superficie dos 1.500 metros cadrados da parcela do PEMOS-Veigadaña nos que se asenta o viveiro de empresas recentemente construído.
Con este acto de sinatura a tres bandas, Xestur autoriza a AEMOS a facerlle a cesión do dereito de superficie deste terreo ao Concello de Mos, quedando formalizado o trámite mediante escritura pública.
AEMOS realizou a cesión parcial do dereito de superficie da parcela necesaria a favor do Concello de Mos que dá lugar á subrogación pola administración local, quen executou a edificación industrial con destino a viveiro de empresas.
Unha vez dado este paso de formalización da cesión parcial, iníciase agora o trámite de adxudicación da xestión do viveiro a AEMOS, para que a infraestrutura poida comezar a funcionar de xeito inminente de man dos empresarios mosenses. Xa que o viveiro será xestionado directamente pola Asociación de Empresarios.
Para elo AEMOS está a ultimar os detalles do prego das bases para o concurso público ao que optarán os ‘viveiristas’ que queiran ocupar un espazo no viveiro de empresas da Veigadaña. En total ofertaranse 4 talleres ou viveiros de carácter industrial 4.0. Dende AEMOS informan de que o procedemento de selección para a adxudicación destes catro viveiros abrirase antes do vindeiro mes de xuño coa intención de que sexa canto antes, durante estes primeiros meses do ano. Os primeiros ‘viveiristas’ terán que estar asentados nas instalacións da Veigadaña antes de outubro deste ano.
Dende a Asociación de Empresarios mosense avánzase que os criterios de valoración para a selección dos/as candidatos serán obxectivos, primando na puntuación parámetros como a viabilidade do proxecto, a fórmula xurídica (por exemplo cando se trate dunha empresa de economía social), que se trate de promotores demandantes de emprego (emprendedores), de colectivos de difícil inserción, menores de 35 anos, mulleres, etc.
A obra de construción do edificio que albergará o viveiro de empresas e servizos de apoio no polígono PEMOS-Veigadaña quedou finalizada o pasado mes de novembro.
O viveiro conta con 4 talleres para albergar empresas de actividades vinculadas coa industria 4.0, (desde robótica, impresión 3D, procesos, investigación… etc.) zona de oficinas para atención ao emprendedor, e espazo para empresas emprendedoras en condicións ventaxosas durante un ano prorrogable a outro ano máis, con técnicos que as asisten e asesoran, orientan e axudan, acompañándoas neses dous primeiros anos de actividade empresarial. Na segunda pranta estará a zona de servizos comúns e coworking, con despachos e zonas de recepción, administración, reunión e atención; onde poder organizar desde reunións comerciais ata eventos máis ambiciosos.
En abril de 2018 Concello e AEMOS asinaron o convenio para a creación do viveiro de empresas que está ubicado no polígono da Veigadaña e que subvencionou a consellería de Economía, Emprego e Industria con 240.000 euros.
Concretamente foi o 23 de abril cando a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e o presidente de AEMOS, Manuel Castro, asinaban no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos o convenio de Colaboración entre o Concello e a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) para a Execución dun Viveiro de Empresas no Parque Empresarial de Mos (PEMOS-Veigadaña).
Preténdese mellorar a xestión empresarial a través da creación dun viveiro de empresas para emprendedores situado nunha parcela de centro terciario do Parque Empresarial de A Veigadaña, que permita descubrir e fomentar iniciativas empresariais e contemplar un tecido empresarial máis acorde coas novas estruturas tecnolóxicas e organizativas.
O Concello de Mos investiu a axuda solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria na construción do edificio que albergará o viveiro de empresas, consistente en 240.000 euros, que representa o 80% da inversión total de 300.000 euros.
A Asociación de Empresarios de Mos aportou, de fondos propios, un importe do 20% da inversión total, é dicir, 60.000 euros.
O proxecto executouno o Concello de Mos, sendo este quen desenrolou a acción, conserva a titularidade do viveiro e recibiu a financiación procedente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Pola súa banda AEMOS encargarase da xestión e do funcionamento do viveiro.