Concello e Asodifisi asinan o seu convenio anual

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A administración local mosense apoia así económicamente á Asociación para promover a participación activa na vida social do municipio das persoas con capacidades diferentes, así como proporcionarlles actividades ocupacionais

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a presidenta da Asociación de Discapacitados Físicos e Psíquicos de Mos, Asodifisi, Asunción Monroy Carrera, asinaron esta tarde nas instalacións da Asociación na parroquia de Torroso, o convenio anual de colaboración entre ambas entidades.

Visto que son competencias da administración local a creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios básicos, así como o fomento e promoción da solidariedade e da participación da sociedade civil na prevención e intervención social no ámbito local; asínase este convenio que contribúe a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal, neste caso concreto con situacións de necesidade social e/ou risco de exclusión social.

Asodifisi é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fin conseguir a integración de persoas con discapacidade en igualdade de dereitos. Foi creada no ano 1990 e a data de hoxe o seu número total de socios é de 540, dos cales 140 son persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial.

O convenio asinado entre Asociación e Concello implica unha subvención nominativa á primeira por parte da administración local para colaborar económicamente, co fin de contrubuír ao desenvolvemento e integración das persoas con discapacidade física e psíquica, por entender que se trata dunha actividade de interese social para o conxunto da comunidade.

Pola súa banda Asodifisi comprométese a promover a participación activa na vida social do Concello de Mos das persoas con capacidades diferentes, así como proporcionar actividades ocupacionais a estas persoas mediante información e asesoramento, asistencia psicolóxica, actividades formativas de xardinería, danzaterapia e reforzo pedagóxico, servizo de transporte adaptado, visitas-excursións, charlas informativas e concurso de tarxetas de Nadal.

A aportación económica municipal anual do Concello de Mos a Asodifisi ascende a 12.000 euros.