Concello e empresarios de Mos inician unha campaña solidaria de apoio ás Escravas da Virxe Dolorosa

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A congregación precisa de todo tipo de donativos, tanto económicos como materiais, de alimentación e bebida

 

Esta mañá reuníronse no Concello de Mos, o director do Centro das Escravas da Virxe Dolorosa de Mos xunto con varios representantes máis da congregación, a alcaldesa mosense Nidia Arévalo, a concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro, o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, e o xerente da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS.

 

Este encontro celebrouse como continuidade doutro que tivo lugar o luns e no que, en lugar de estar presente AEMOS, o estiveron representantes doutras empresas concretas como son Pili Carrera, Mercadona, Eroski, Noribérica, Darlim ou a Fundación Coren.

 

O motivo destas xuntanzas é buscar a colaboración material e/ou económica de empresas e particulares coa congregación das Escravas da Virxe Dolorosa, debido a que esta está a atravesar un momento especialmente complicado debido á necesaria reforma no seu centro ubicado no Concello de Crecente.

 

A situación da congregación é delicada e sensible porque o seu centro de Crecente, no que residen preto de 70 usuarias, todas mulleres con algunha discapacidade, ten que ser inminentemente reformado para adaptalo á normativa vixente de centros adaptados para persoas con discapacidade. Trátase dunha obra, por valor de 2 millóns de euros, cuios custes asumirá a propia congregación, que xa saíu a concurso cun total de 28 empresas presentadas e que agora se están a valorar dende a dirección da congregación estas 28 ofertas, para proceder á adxudicación dos traballos e á súa execución nun prazo de 8 meses.

 

O caso é que as preto de 70 usuarias de Crecente, algunhas maiores de 60 anos que levan vivindo alí toda a súa vida porque non teñen familiares e a súa única familia é a congregación, vivirán durante o período de duración das obras repartidas entre os distintos centros que posúen as Escravas da Virxe Dolorosa, tales como Mos, Viveiro, etc. É por iso que os centros que ven incrementado, aínda que de xeito provisional, o seu número de usuarias, ven aumentados tamén polo tanto os seus gastos; a maiores dos 2 millóns de euros que xa custa a reforma do Centro de Crecente, de ahí que precisen axuda e colaboración de Concellos, particulares e empresas. Deste xeito a congregación solicita, coa intermediación do Concello de Mos, todo tipo de donativos tales coma alimentos, bebida, ou aportacións en metálico.

 

Neste sentido a concelleira de Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, declarou que “a congregación das Escravas da Virxe Dolorosa merece todo o apoio deste Concello porque o seu centro de Mos é moi querido e emblemático para o municipio”. “Xa antes de existir o Multiusos nas Pozas, na parroquia de Petelos, o centro mosense das Escravas, situado tamén en Petelos, colaborou sempre cos veciños e coa administración local poñendo o seu auditorio a disposición de diversos actos culturais, instalacións das que aínda se continúa facendo uso hoxe en día nalgunhas ocasións”, dixo a edil.

 

Da reunión de hoxe na Casa Consistorial mosense extraéronse tres importantes conclusións: que AEMOS fará unha comunicación da necesidade de axuda por parte da congregación a tódolos seus asociados para que estes se impliquen nesta causa solidaria, que, tamén dende AEMOS, se propón a posiblilidade de que a congregación das Escravas da Virxe Dolorosa se adhira á Mesa Local de Cohesión Social do Concello de Mos, presentada recentemente no Campo de Fútbol das Baloutas e da que xa forman parte administración local, AEMOS, Unión Deportiva Mos, Aceesca e Cogami, que implica transferencia de todo tipo de recursos entre os membros integrantes da Mesa e da que se poderían beneficiar as Escravas; e por último, a realización, dende o Concello de Mos, a tódalas empresas e particulares veciños do termo municipal, dun chamamento para que colaboren coa congregación, na medida das súas posibilidades, tanto económicamente como con bens materiais tales coma comida ou bebida, entre outros.

 

Todos aqueles interesados en facer donativos monetarios poden realizar os seus ingresos nos tres seguintes números de conta: 2080 5028 79 3040004699 de Novagalicia Banco, 0072 0440 41 0000101396 do Banco Pastor, e 0049 5078 71 2316013323 do Banco Santander. Para aportacións materiais os interesados pódense poñer directamente en contacto co Centro de Mos das Escravas da Virxe Dolorosa no número de teléfono 986 33 05 59.