Concello, Garda Civil e asociacións veciñais celebran a súa primeira xuntanza en materia de seguridade cidadá

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A prevención e a comunicación entre veciños e Garda Civil presentáronse como claves para evitar os actos delictivos no municipio

 

Na derradeira Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello de Mos o pasado 4 de febreiro acordouse, dada a dispersión do municipio que conta cun total de 10 parroquias e 83 barrios, convocar unha reunión entre membros de dita Xunta Local de Seguridade e un representante de cada unha das Asociacións Veciñais mosenses, para que os representantes veciñais trasladaran de primeira man á Xunta Local cal é a problemática en materia de seguridade dos habitantes de cada unha das zonas da localidade; así coma cales son as inquedanzas a nivel asociativo tamén respecto da seguridade nos barrios ou parroquias ós que representan. Dita reunión celebrouse esta mañá no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) mosense, representando un acto de vital importancia para a seguridade cidadá nas parroquias en particular e en todo o Concello de Mos en xeral.

 

Á xuntanza celebrada hoxe no CDL asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tente alcalde e concelleiro de Facenda e Patrimonio, Óscar Soto, representantes das asociacións veciñais do Concello de Mos e o Capitán da Garda Civil de Vigo, Antonio Iglesias Salas, o Sarxento Primeiro, José Ramón L. Pérez, Xefe do Equipo da Policía Xudicial de Vigo, e outros representantes do corpo da Garda Civil.

 

Na desta mañá, os representantes da Xunta Local de Seguridade presentes, anunciaron que esta non sería a única e que a intención deste primeiro encontro é que a Guardia Civil se reúna con certa periodicidade coas asociacións veciñais do municipio co obxectivo de achegarse ós cidadáns para que estes os coñezan e poidan dirixirse a eles cuando os necesiten.

 

En resumo, os obxectivos principais desta reunión foron os de achegar ó corpo de seguridade da Garda Civil á poboación mosense, sensibilizar á sociedade ante as conductas delictivas, dar pautas a seguir no caso de roubos ou hurtos así coma precaucións necesarias a tomar para evitalos, previr as estafas en domicilios, dar a coñecer ós presentes as diferentes modalidades de timos existentes, instruir nas pautas a seguir en bancos, caixeiros automáticos e establecementos públicos para evitar roubos nestes contornos, aprender a identificar moeda falsa, e ofrecer pautas xerais de prevención para evitar ser víctimas dun delito.

 

Dende a Garda Civil, no acto celebrado esta mañá, quixeron trasladarlles ós representantes veciñais presentes a importancia que teñen os cidadáns na seguridade posto que son os que mellor coñecen a zona na que viven e os que, estando en relación directa cos membros da Garda Civil, aportan unha información valiosísima por ser de primeira man. Por iso se lles pediu ós representantes veciñais durante a reunión, que ante calquera problema que observen non dubiden en poñerse en contacto coa Garda Civil para facerllo saber e trasladarlles calquera inquietude ou dúbida respecto da seguridade na súa zona que lles poida surxir no día a día. Con isto, dende a Garda Civil espérase ir podendo mellorar o seu servizo.

 

Durante a reunión abordáronse varios temas, entre eles o tema da violencia de xénero e as mulleres maltratadas, a problemática da delincuencia organizada en mafias de nacionalidade estranxeira, a maior cobertura en materia de seguridade que precisa Mos debido á súa dispersión xeográfica e o aumento do movemento empresarial coa recente creación do Polígono Industrial de Veigadaña e a apertura doutras empresas e superficies comerciais de gran envergadura. Por estes últimos motivos, dende a Garda Civil comprometéronse esta mañá, aínda que non de xeito definitivo, a poñer unha patulla diaria máis en Mos, aclarando se se tratará dunha patrulla que non será fixa.

 

Ata o momento operaba no termo municipal de Mos unha patrulla da Garda Civil por cada turno, e no cuartel da Garda Civil de Mos cóntase cun total de 18 axentes que, se fose necesario debido ás circunstancias, poden recurrir a pedir axuda á compañía de Vigo ou a calquera outra unidade da provincia para que lles preste apoio ou lles mande reforzos.

 

Prevención

 

Os representantes da Garda Civil quixeron deixar claro esta mañá que para eles o principal en materia de seguridade é a prevención, por iso para poder levar a cabo o seu labor de investigación precisan que os veciños dos diferentes lugares, sempre que teñan coñecemento dun posible feito delictivo, llo trasladen para poder iniciar a investigación pertinente.

 

Por último, na reunión deuse conta de que Mos rexistrou, en 2012, un descenso do 0,58% no número de delitos con respecto ó año 2011. Asimesmo, descendeu un 8,52% o número de faltas, co que a suma de delitos e faltas reduciuse, en 2012, un 3,72% con respecto ó 2011.

 

Xunta Local de Seguridade

 

As Xuntas Locais de Seguridade son órganos colexiados para facilitar a cooperación e a coordinación, no ámbito territorial do municipio, das Administracións Públicas en materia de seguridade, asegurando de xeito específico, a cooperación e a coordinación operativas das Forzas e Corpos de Seguridade que interveñen no termo municipal.