Concello, veciños de San Rafael e Rexistradora da Propiedade reúnense para ultimar detalles técnicos do proceso de regularización das parcelas deste barrio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os habitantes desta zona da parroquia de Pereiras verán por fin feita realidade a súa histórica reclamación

 

Esta mañá reuníronse no Concello de Mos a Rexistradora da Propiedade de Redondela Cristina Rollán Salgado, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, representantes da Asociación de Veciños de San Rafael-Pereiras, o tenente alcalde e concelleiro de Facenda e Patrimonio, Óscar Soto, a edil natural da parroquia de Pereiras, Kely Monzón e o Secretario municipal.

 

O obxecto desta xuntanza foi informar á asociación veciñal dos trámites e requisitos legais esixidos para encauzar a recta final do expediente de regulación das Vivendas Sociais do Barrio de San Rafael. Neste sentido, durante a reunión informouse ós veciños de San Rafael presentes na reunión da necesidade dun acordo global e da conveniencia de que, unha vez que exista dito acordo entre todos eles, ir preparando a escritura notarial na que se pretende recoñecer a propiedade dos afectados sobre as parcelas anexas ás súas vivendas. A finalidade delo non é outra que a de poñer fin a unha reclamación secular pola que os veciños de San Rafael solicitaban a atribución das parcelas que figuraban como colindantes ás súas vivendas nos planos, primeiro do Ministerio de Vivenda e, posteriormente, do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

 

Con esta reunión deuse un novo paso no procedemento destinado a regularizar a situación xeral dos propietarios do barrio de San Rafael, na parroquia mosense de Pereiras. Dende o incio deste proceso, que deu comezo no ano 2011, tratáronse cuestións relativas á delimitación do ámbito afectado, a determinación das parcelas obxecto de regularización e o procedemento xurídico necesario para que os veciños de San Rafael puideran normalizar a súa situación patrimonial no que se refire ás súas respectivas propiedades ou vivendas.

 

No encontro de hoxe celebrado no Concello, representantes municipais e Rexistradora da Propiedade, puideron explicarlles con detalle ós membros presentes da A.V.V. San Rafael de Pereiras a situación actual na que se atopa o procedemento de regularización das parcelas anexas ás súas vivendas. Asimesmo, durante a reunión, a rexedora local mosense manifestoulles ós veciños de San Rafael o completo apoio do equipo de goberno municipal, así coma a súa disposición para exercer mediación en aras de solucionar unha demanda veciñal que dende o Concello se considera xusta.