Constituída a Entidade de Conservación do Parque Empresarial da Veigadaña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O presidente electo da mesma resultou ser Fernando García Fontán

 

Esta mañá celebrouse no Centro de Desenvolvemento Local de Mos, CDL, a sesión constitutiva da Entidade de Conservación do Parque Empresarial Mos-Veigadaña. Ó acto asistiu Javier Domínguez, xerente de Xestur, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Óscar Soto, tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego e Facenda e Patrimonio mosense, Francisco Domínguez, xerente da Asociación de Empresarios de Mos, representantes da maioría das empresas instaladas no PEMOS-Veigadaña, así coma o Secretario municipal do Concello de Mos.

 

Tanto o acordo de constitución da Entidade de Conservación coma a elección do seu presidente foron aprobados por unanimidade, sendo nomeado presidente Fernando García Fontán da empresa Autocares Melytour. Dentro da orde do día desta sesión constitutiva tamén se levou a toma de razón da designación da alcaldesa mosense como representante da administración actuante na Entidade de Conservación.

 

Agora, unha vez constituída a Entidade, inscribirase a mesma no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, co que a Entidade de Conservación adquire plena personalidade xurídica e natureza administrativa, xa que a inscrición no Rexistro de Entidades ten carácter constitutivo.

 

A continuación o presiente electo, Fernando García, deberá convocar unha Asamblea na que se estableza o funcionamento en materia de xestión económica da Entidade de Conservación e unha Xunta de Goberno na que se asignen os cargos de vicepresidente, tesoureiro, secretario, e dous vocais entre os membros da xunta directiva da Entidade  que tamén foron elixidos hoxe. Ademais, a idea de partida é que AEMOS sexa a xestora das contratacións, dos pagos e demais xestións deste tipo da Entidade de Conservación.

 

Na sesión desta mañá os empresarios presentes interesáronse tamén pola futura área de servizos a instalar no polígono da Veigadaña, nunha parcela concreta do mesmo, que está á espera de ser adquirida por un propietario que a explote. Para dita parcela existe xa un proxecto moi definido e detallado que contempla, entre outras instalacións nesa zona, aulas taller, auditorio, salas de reunións, negocios de hostelería como cafetería e restaurante, etc. Tamén nesta área estaría situada a sede da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS.

 

Para concluir a reunión a rexedora local mosense comprometeuse a potenciar na medida do posible o alumeado público nas zonas de maior concentración empresarial do parque, como así lle solicitaron os presentes, e a sinalización do mesmo tanto exterior como interior para facilitar o acceso ata el e, unha vez no seu interior, que sexa máis doado localizar as rúas e empresas existentes. Arévalo manifestouse por último satisfeita co nivel de ocupación que está a acadar o PEMOS, xa que se trata do parque empresarial que ten o ritmo de crecemento máis rápido de toda a provincia de Pontevedra e incluso das catro provincias da comunidade autónoma galega, segundo refrendaron os propios representantes de Xestur.

 

Mentres non conten cun espazo na área de servizos do parque, os membros da Entidade de Conservación do PEMOS-Veigadaña continuarán a celebrar as súas reunións, Asambleas e Xuntas de Goberno no salón de actos do CDL que o Concello de Mos pon á súa enteira disposición.