Constituída a mesa de traballo que fará seguemento ós acordos plenarios adoitados coa aprobación unánime da moción dos afectados polas preferentes

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Espérase que os alcaldes da zona poidan reunirse próximamente con Almunia e De Guindos

 

Onte celebrouse no Concello de Mos unha reunión para constituír formalmente o grupo de traballo acordado mediante a aprobación por unanimidade da moción presentada pola Plataforma de Afectados polas Preferentes no Pleno celebrado o pasado 31 de xaneiro.

 

Na reunión estiveron presentes os membros que pasan a constituír dita mesa de traballo e que son a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, os voceiros dos tres grupos políticos da Corporación, Óscar Soto polo PP, Alfonso Parada polo PSOE e Miguel Anxo Aldea polo BNG; ademais da voceira dos afectados de Mos, Josefa Pampillón Giráldez, e a voceira dos afectados das comarcas da Louriña e Condado-Paradanta, Elvira Pérez Salgado.

 

O concelleiro de Facenda e Patrimonio de Mos, Óscar Soto, declarou hoxe neste sentido que “durante o encontro de onte toda a Corporación lle reiteramos ás representantes dos afectados polas preferentes o noso apoio incondicional”; e informou de que, agora mesmo, é o alcalde de Redondela, Javier Bas, o que está a desenvolver a labor de coordinador dos concellos afectados da zona, e xa dirixiu dúas cartas, solicitando sendas entrevistas persoais dos alcaldes co comisario europeo de Competencia, Joaquín Almunia, en Bruxelas e co ministro de Economía, Luis De Gindos en Madrid. Unha vez remitidas estas misivas, espérase que en breve unha representación dos afectados da zona acompañados dos seus respectivos alcaldes, poidan dirixirse a Bruxelas e Madrid para tratar este tema coas máximas autoridades competentes ó respecto, tanto en Europa coma no goberno español.

 

Respecto doutra das solicitudes plantexadas pola Plataforma de Afectados na súa moción, a de que o Concello de Mos asumira o importe dun autobús para transportar á veciñanza mosense á manifestación xeral organizada por tódalas plataformas de Galicia, que tivo lugar o 2 de febreiro en Santiago, Soto informou de que xa foi tamén realizada. E explicou ademais que agora estase en conversas coa entidade financieira Novagalicia Banco para intentar localizar a tódolos afectados polas participacións preferentes no termo municipal de Mos, que consituía outra das demandas plasmadas na moción aprobada no derradeiro Pleno ordinario da Corporación Municipal mosense.

 

Por último o grupo de traballo constituído formalmente onte no Concello de Mos acordou reunirse novamente en canto se produza calquera novidade sobre este tema.

 

Moción

Mediante a aprobación da moción da Plataforma por parte do Pleno da Corporación Municipal, este asumiu que a comercialización de preferentes que se iniciou entre os inversores pasou a ser extensiva tamén ós aforradores ós que non se lles advertía dos riscos que conlevaban estes productos, polos cales resultaron afectadas máis de 6.000 persoas entre as que só recuperaron os seus aforros mediante o procedemento da arbitraxe unhas 1.200 persoas, quedando polo tanto aínda unha cifra de afectados de preto de 5.000 persoas. Coa aprobación da moción asumiuse tamén a lentitude do procedemento da arbitraxe que empeora a grave situación económica que viven a maioría dos afectados.

 

Cómpre lembrar respecto desta moción, que se presentou tras ser retirada outra moción, na mesma liña, do grupo municipal do PP; e é que o grupo de goberno considerou máis axeitado asumir a proposta de moción da Plataforma en substitución da presentada como grupo político.

 

Finalmente a moción da Plataforma de Afectados polas Preferentes, que substituiu á presentada polo PP, foi apoiada e refrendada por toda a Corporación Municipal co voto unánime a favor da mesma, co que se demostrou o apoio de Mos ós afectados.