Continúa a bo ritmo a instalación de internet de banda longa en Mos iniciada a principios do verán

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

De xuño a setembro dotouse de servizo a máis de 500 vivendas e a comezos do ano que vén prevese que se atope acometido o 82% do programa de extensión de fibra óptica no municipio

 

A comezos do pasado verán dábase desde o Concello de Mos a boa nova do desbloqueo da problemática na implantación do internet de alta velocidade no municipio. Iniciábase entón o programa de extensión da banda longa en Mos por parte das operadoras R e Telefónica Movistar. Ambas recibiran subvención estatal a tal fin.

 

No caso de R o total do programa inclúe 2.200 vivendas e 6.000 habitantes. Entre R e Movistar, unha vez acometida a totalidade do programa, serán 50 núcleos poboacionais das 10 parroquias mosenses os que dispoñan de servizo (a maiores dos 7 que xa o tiñan desde o ano 2019).

 

Tras os núcleos obxecto de instalación durante os meses de xuño, xullo e agosto, nos que puideron conectarse un total de máis de 500 vivendas, hai novos núcleos con fibra de R ou Movistar, xa instalada o acometéndose a pertinente obra nestes momentos; tal e como hoxe informaban a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Novas Tecnoloxías, Leo Costas. Os devanditos núcleos son: Ansar, Barro, Atín, Coto, Arufe, Igrexa (Cela), Roublín, Casal, Casalmorto, Campo de Eiró, A Florida, As Vides, San Rafael, Balteiro, Arrubial, Estivada, Porteliña, Laxe, Pedraucha, Cotiño (Dornelas), Bosende, Gándara (Mos), A Rúa, Sobrado, Zapateira, Espaín, Pantaño e Louriñó.

Ademais os representantes municipais, Arévalo e Costas, avanzaron que haberá 8 núcleos de poboación nos que se rematará a instalación de internet de banda longa pasadas as festas navideñas. Son os lugares de As Vides, Agueiro, en Tameiga Pazo, Rans e Autovía, As Regadas e Rexenxo.

A continuación, durante o primeiro trimestre do vindeiro ano 2022, acabaranse de desenvolver os núcleos de Os Cabaleiros, Pombal, As Angustias, Piñeiro, tramo inicial da Avenida de Sanguiñeda (Senlle) e Inxertado (desde Santiaguiño e parte de Arrufana pasando por As Cortiñas ata a Estrada Nacional 550).

A maiores hai tamén outros 8 núcleos donde a instalación é máis complexa por temas técnicos ou por ser necesarias licenzas previas de Fomento, polo que a acometida será algo máis lenta pero que se desbloqueará previsiblemente a comezos de ano. Son os núcleos de Igrexa (Tameiga), Cotiño (Tameiga), Fraela, Castro (Mos), Ameirolongo, Pedrapinta, Santa Marta e Veigadaña.

“Cando se terminen todas estas zonas, a primeiros de 2022, Mos estará ao 82 por cento de cobertura de fibra” explicaron rexedora local e edil de Novas Tecnoloxías, “mentres que en xuño do 2021, cando se iniciou o despregamento que empezamos nesta fase, estabamos ao 10 por cento”, declararon satisfeitos pese a demora do inicio dos traballos. “Ademais, a maiores, estamos a traballar con Movistar para poder levar o PEBANG 2022 a zonas brancas de Mos como son Arrufana, Herville, Outeiro, Monte e o tramo restante da Avenida de Sanguiñeda”, informaron Nidia Arévalo e Leo Costas, “e se conseguimos realizar estas zonas, rondaremos xa o 90 por cento da instalación de internet de banda longa acometida en Mos, e xa só quedarán zonas pequenas que se conectarán pouco a pouco ou non o farán pola súa dispersión”. Neste senso é importante recalcar o traballo do Concello, axilizando permisos, cambiando postes, facilitando solucións aos problemas cos que se atopan as subcontratas dos operadoras, etc.