Continúa a bo ritmo o protocolo de desescalada do Concello de Mos e o persoal municipal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Continúa desenvolvéndose a bo ritmo o protocolo de desescalada do Concello de Mos e o persoal municipal para a reapertura progresiva e controlada ao público, que será atendido con cita previa a partir do 11 de maio.

Onte a técnico de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais visitou a nave de Vías e Obras e as oficinas da Policía Local para dar indicacións aos traballadores e comunicar cambios que se realizarán nas dependencias policiais, onde se vai instalar unha porta de acceso de apertura e peche automáticos. Ademais tamén tratou co Secretario Municipal sobre o protocolo de edificios municipais para a desescalada.

Esta mañá a técnico de Persoal reuniuse in situ coa operaria de limpeza que estará permanentemente durante as mañás no Concello de Mos cando se comece a atención ao público para explicarlle como proceder e en que zonas incidir máis na limpeza e desinfección. Posteriormente trasladouse á Biblioteca Municipal para expoñer as directrices a seguir no préstamo de libros e logo ao Multiusos das Pozas para impartir a formación pertinente ás traballadoras dos departamentos municipais de Educación, Participación Cidadá e Cultura. Tamén mantivo unha reunión co persoal do seu propio departamento de Recursos Humanos.