CORINA PORRO CLAUSURA O OBRADOIRO DE EMPREGO MOS REHABILITA NO QUE SE FORMARON 20 DESEMPREGADOS EN ALBANELERÍA E XARDINERÍA     

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • A delegada territorial destacou a importancia destes programas mixtos de formación e emprego, por canto “a capacitación é clave para acceder ao mercado laboral”
  • Nesta última convocatoria, o Goberno galego puxo en marcha sete obradoiros duais na área de Vigo, cun investimento de 2 millóns para formar a 140 desempregados
  • Vigo, Gondomar, Baiona, Nigrán, Redondela, Mos, Soutomaior, Pazos de Borbén, Cangas e o Moaña benefícianse destes programas, que contan cun período de formación de 9 meses e un contrato laboral posterior de alomenos 3, cando son duais
  • Asemade, concedéronse 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil co obxectivo de impulsar o emprego entre a mocidade

 

Mos, 8 de agosto de 2019.- A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, achegouse hoxe ao Parque Costoias de Tameiga para participar no acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Mos Rehabilita, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello mosense.

 

A representante autonómica, quen estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica en materia de formación e emprego. Así, tras felicitar ao alumnado que vén de rematar a súa formación na especialidade de albanelería e xardinería, destacou a importancia destes programas mixtos de formación e emprego, por canto “a capacitación laboral é clave para acceder a un posto de traballo de calidade”.

 

Porro animou ao alumnado destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brindou”, exemplificou nestes programas o éxito da colaboración institucional e fixo especial fincapé no esforzo inversor do Goberno galego a prol do fomento do emprego, con medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral.

 

Respecto a esta última edición do Mos Rehabilita, a Administración autonómica destinou a este taller, no que se formaron 20 desempregados en albanelería e xardinería, de 318.300 euros.

 

No que atinxe á área de Vigo, o Goberno galego investiu na vixente convocatoria 2018-2019 máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de sete obradoiros duais para aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. Uns programas  a través dos que os beneficiarios contan cun período de formación de nove meses coa posibilidade de optar a un contrato laboral posterior de alomenos outros tres meses cando son obradoiros duais.

 

En concreto, son beneficiarios desta iniciativa xunto con Mos (Mos Rehabilita), Vigo (Vigo Capacita V), Gondomar, Baiona e Nigrán (Valmiemprega), Redondela (Redondela Vila Bela), Soutomaior e Pazos de Borbén (Hostalería Río Pequeno), Moaña (Moaña Labora III) e Cangas (Granxa da Rúa VIII).

 

Sistema de Garantía Xuvenil
A maiores dos sete obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos para menores de 30 anos con Vigo (Formaweb e Maiv-Garantía Xuvenil), Mos (Mos coa Mocidade II), Moaña (O.E.Moaña Moza), Redondela (Redemprega) e O Porriño (Porriño Social) como concellos promotores. O número de alumnos é de 16 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a estes obradoiros máis dun millón de euros.