Curso sobre o mercado laboral en Alemaña no CDL de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O prazo de matrícula estará aberto ata o 5 de febreiro

 

O Concello de Mos, en cooperación coa UNED e Aemos (Asociación Empresarios de Mos), organiza os días 8 e 9 de febreiro un curso sobre o mercado laboral en Alemaña, destinado a aquelas persoas interesadas en ir a traballar ese país. Durante 10 horas os participantes recibirán información sociolaboral sobre o país (contratos de traballo, seguridade social, sanidade, impostos, aloxamento, recoñecemento de estudos, etc.) e dous talleres en lingua alemá sobre a elaboración dun currículo e como enfrontarse a unha entrevista de traballo. Para estes talleres é necesario ter uns coñecementos de alemán similares aos do curso A2 da Escola Oficial de Idiomas.

Na actualidade, segundo a Axencia Federal Alemá para o Traballo, o país xermano conta cunha importante demanda laboral nas seguintes profesións: condutor de autobuses, maquinistas de tren, persoal de servizo para AVE e Intercity, médicos e odontólogos (sobre todo para o medio rural), matronas, auxiliares en xeriatría, enfermeiras e servizos de emerxencias, técnicos en gardarías infantís (en especial homes), técnicos en enerxías renovables, desenvolvemento de software e aplicacións informáticas, transformación do metal, novas tecnoloxías e supervisión e control destas, reciclaxe e mantemento de puntos limpos, especialistas en naval, ferroviario e automoción.

 

A actividade formativa desenvolverase no Centro Desenvolvemento Local de Mos e ten unha taxa de matrícula de 15 euros, que está aberta ata o 5 de febreiro. Máis información no Centro Desenvolvemento Local de Mos, teléfono 986487786.