Dan comenzo os obradoiros de Tempo de Lecer 2013 nas asociacións mosenses

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Este ano participan un total de 18 asociacións con 28 cursos diferentes

 

Xa comenzaron as clases dos cursos do Programa Tempo de Lecer 2013 nas asociacións adheridas a esta iniciativa do departamento municipal de Participación Cidadá. Dende a concellería de Participación Cidadá do Concello de Mos que dirixe a edil Kely Monzón investíronse 10.000 euros para poder continuar co programa Tempo de Lecer durante o ano 2013 e que os seus usuarios sigan a pagar tan só un euro por cada hora de clase.

O total de asociacións adheridas ó Programa Tempo de Lecer 2013 é de 18. Concretamente son As Pedriñas de Tameiga, Santa Eulalia de Mos, A Cividade de Louredo, a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán, a Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña, a Asociación Cultural e Social de Herville, o Círculo Cultural Abrente, o Centro Recreativo e Cultural de Torroso, Santa Mariña de Dornelas, Asomamos, Ledicia de Sanguiñeda, o Grupo Folclórico Nosa Terra de Pereiras, a Asociación Veciñal Nosa Terra de Pereiras, San Rafael de Pereiras, San Martín de Tameiga, e as asociacións de veciños de Petelos, Celado e Chan do Bosque. Entre todas elas impartiranse un total de 28 cursos diferentes, hainas que realizarán un so curso de 30 horas de duración e outras levarán a cabo dous cursos de 15 horas cada un.

Monzón considera fundamental a continuidade deste programa que promove actividades de lecer nos locais de diferentes asociacións ubicadas nas dez parroquias mosenses para facilitarlles ós veciños e veciñas do municipio uns mellores e máis óptimos aproveitamento e xestión do seu tempo libre, posto que ó ser o de Mos un Concello tan disperso, iniciativas coma esta son o xeito máis eficaz de achegarlle ós seus habitantes iniciativas de ocio productivas.

Ademais, outro dos fins do programa é dar resposta á gran demanda por parte das asociacións, a maiores do xa mencionado obxectivo de conseguir unha mellora do uso e disfrute do tempo libre dos participantes, a través da aprendizaxe, do traballo en equipo é do fomento da creatividade nos diferentes campos de actuación social.

De modo que, en resumo, os fins desta nova etapa do programa Tempo de Lecer do ano 2013 son fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, facilitar ás persoas de Mos a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades formativas adaptadas ás súas posibilidades económicas, promover a participación social entre as persoas que máis o precisen, proporcionar alternativas de lecer no seu medio máis próximo, e fomentar o uso do tempo de lecer en equipo.

Os obradoiros realizaranse entre os meses de marzo a novembro,parándose no mes de agosto por vacacións.Este programa está dirixido a tódolos veciños e veciñas maiores de 14 anos, empadroados/as no Concello de Mos ou que sexan membros dalgunha asociación inscrita neste Concello.