Día 1 da Fase 1 da desescalada no Concello de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa visitou os edificios municipais abertos ao público e realizou a primeira reunión presencial e a primeira visita a obras

O Concello de Mos reabriu hoxe as súas portas ao público con cita previa na Fase 1 da desescalada.

Na primeira xornada de reapertura de parte das instalacións municipais mosenses a alcaldesa, Nidia Arévalo, visitou os 6 edificios abertos: a Casa Consistorial, o edificio de Servizos Sociais, CIM, Urbanismo e Medio Ambiente; a Policía Local, o Multiusos das Pozas e a Biblioteca Municipal.

A visita realizouse acompañada da técnico de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais Municipais, e dunha técnico externa do Servizo de Avaliación de Seguridade e Saúde da empresa Cualtis, encargada tamén de realizar o Protocolo de Avaliación de Riscos Biolóxicos nos Edificios Municipais, e que lle deu o visto bo ás medidas municipais tomadas para a reapertura de portas ao público e a reincorporación progresiva e a turnos do persoal do Concello de xeito presencial.

Tamén esta mañá a alcaldesa realizou a primeira reunión presencial e a primeira visita a obras desde que se declarara o estado de alarma pola crise sanitaria do COVID-19.

A xuntanza mantívose no salón de sesións do Concello, coas pertinentes medidas de seguridade sanitaria, con tres membros da directiva do Club Natación Mos (entre eles a presidenta e o adestrador), a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, o secretario e a técnico de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais municipais.

Esta xuntanza celebrouse en persoa ao ser o tema a tratar, a Piscina Municipal, dun asunto especialmente delicado nesta situación de crise sanitaria.

A segunda reunión foi cos concelleiros responsables dos traballadores municipais que desenvolven o seu labor na rúa, os edís de Vías e Obras e Servizos, Camilo Augusto e Baldomero Lorenzo, respectivamente; e coa concelleira de Persoal, Julia Loureiro, e o secretario municipal.

A primeira visita a obras fíxose no vial alternativo de Santa Eulalia coa presencia do tenente acalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o arquitecto municipal, representantes da Comunidade de Montes de Mos (que cedeu os terreos para poder construír o vial), da Fundación Pazo de Mos e da empresa constructora.

A visita foi previa á inminente reanudación dos traballos tras o parón pola crise do COVID-19. Unha vez reanundadas as tarefas prevese que a obra poida quedar rematada nun prazo dun mes ou mes e medio aproximadamente. A reanudación está pendente de que a Xunta de Galicia aprobe a financiación do modificado do proxecto que ascende a 100.000 euros.

Para facer posible esta execución do Plan Especial de Infraestuturas do Vial no Núcleo da Rúa a CMVMC de Mos acordou ceder a favor do Concello de Mos de xeito gratuíto e con carácter indefinido unha superficie de 6.415,46 m2 que abarca as parcelas “Campo de Abaixo” e “Campo de Arriba”, limítrofes co Pazo de Mos.

 

Deste xeito o proxecto de construción deste vial en Santa Eulalia, núcleo de A Rúa, foi posible grazas á cesión de terreos por parte da Comunidade de Montes de Mos e a financiación económica autonómica, con subvención da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

A construción do vial perimetral permitirá eliminar o tráfico rodado da rúa empedrada que discorre polo lateral do Pazo (Camiño da Rúa). O propósito é protexer ó entorno do Pazo, recuperando este vial para un uso peonil, evitando o deterioro da superficie empedrada. O proxecto propón unha alternativa viable, adaptada á topografía da parcela e ás condicións do lugar, que discorre polos terreos cedidos pola Comunidade de Montes en Man Común de Mos.

Unha vez rematado e operativo o novo vial de Santa Eulalia, A Rúa pasará a ser peonil con tránsito rodado só permitido para os residentes, para o que se instalará un sistema dotado de dous bolardos retráctiles de elevación e descenso automático no comezo e final do Camiño da Rúa, que só poderán activar os habitantes dese vial con mando a distancia.