Día do Libro solidario en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Presentouse o libro Memi da Fundación IgualArte, cuxos beneficios pola venda de exemplares van destinados á Asociación Bicos de Papel

Esta mañá e con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro, que se celebra mañá martes 23 de abril, realizouse na Biblioteca Municipal de Mos, na Porteliña (Petelos), a presentación do libro Memi da Fundación IgualArte.

Memi é un proxecto educativo sen fins lucrativos. Os beneficios deste proxecto educativo reinvírtense sempre no mundo dos nenos, xa que as ideas iniciais saen deles mesmos tamén. Este ano decidiuse que os beneficios se doen á Asociación Bicos de Papel, que traballa con nenos oncolóxicos desde o momento da súa detección.

Durante o acto de presentación celebrado hoxe estiveron presentes, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura, Turismo, Igualdade e Política Social, Camilo Augusto, edil mosense de Educación, representantes da Fundación IgualArte, e nenos/as de 3 anos de idade da Escola Infantil a Galiña Azul da Porteliña acompañados de educadores, pais e avós.

Os cativos puideron participar dun obradoiro baseado no libro Memi impartido polo persoal da Fundación IgualArte. O libro ademais poderá ser adquirido dende mañá, Día Internacional do Libro, nas librerías mosenses Arte Ciencia e Raquel.

Pola súa banda o Concello adquiriu 60 exemplares de Memi para distribuír entre os 5 colexios, as 3 escolas infantís e a Biblioteca Municipal e así facer chegar a súa mensaxe positiva, inclusiva, creativa e motivadora a tódolos pequenos de Mos.

O nacemento de Memi

En 2018, tras unha choiva de ideas de varios nenos de diferentes colexios, e coas ideas que os cativos achegaron, varios expertos plasmáronas en papel e de ahí sairon os nove contos de Memi, que integran o libro que hoxe se presentou en Mos.

Os debuxos están feitos por rapaces con capacidades diferentes da Fundación IgualArete, e na plataforma web pódense escoitar na voz de actores e profesionais do cine como Alejo Saura, Nadia De Santiago, Javier Gutiérrez ou Alex de la Iglesia, entre outros; así os nenos poden ver que o que eles fan chega lonxe. Tan lonxe como que un famoso lle poña voz ás súas ideas. Deste xeito Memi é unha ponte entre a realidade e os soños.

A web para poder escoitar os contos de Memi é www.memigotadeaire.es Ademais a páxina web tamén serve de soporte onde nenos e nenas poden achegar as súas ideas e volcar toda a súa creatividade, xogar cos xogos que xa conta a web e cos que outros nenos acheguen, por iso conta tamén cun laboratorio creativo, para entre todos construír o mundo de Memi. Para que o mundo de Memi vaia crecendo e poder seguir gozando del.

Xa son varios os colexios que colaboraron con Memi ao longo do curso e deixaron que as súas ideas fluíran no laboratorio creativo.