Día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O 29 de abril celébrase o Día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións, unha data que se instaurou a partir do ano 2009 grazas a organizacións como a Plataforma Europea de Persoas Maiores e o European Youth Forum. O obxectivo de celebrar este día, é permitir a inclusión e participación das persoas maiores para que brinden a súa contribución á sociedade actual e con iso contribuír a unha maior solidariedade interxeracional.

 

Desde o Concello de Mos sumámonos á conmemoración desta data buscando unha maior convivencia entre a mocidade e as persoas de maior idade e que ambas as xeracións poidan retroalimentarse e dar o mellor de cada unha delas.

 

Actualmente, dada a crise sanitaria do COVID-19, os que máis están a sufir e ser os maiores damnificados son @s nos@s nen@s e @s nos@s maiores: os primeiros polo confinamento e os segundos por ser a poboación de máis alto risco ante a enfermidade.

 

Por iso, agora que comeza a verse a luz ao final do túnel, desde a administración local mosense queremos fomentar e potenciar esta solidariedade e cooperación interxeracional. Non podemos esquecer o valor que ten para a sociedade mosense a sapiencia dos adultos maiores.

 

A convivencia interxeracional pode traer grandes beneficios ás persoas de maior idade, entre os que destacan: sentido de pertenza e inclusión, incrementa o benestar psicolóxico e emocional. Aumenta a súa autoestima e as súas ganas de seguir gozando o pracer da vida. Incrementa o desexo e a motivación por aprender cousas novas. Contribúe a un maior dinamismo e integración na vida social. Optimiza os seus potenciais e habilidades persoais. Contribúe a transmitir todas as súas experiencias e coñecementos ás novas xeracións.

 

Por iso en Mos consideramos que é necesario reivindicar o rol das persoas maiores dentro da nosa sociedade. Neste sentido, debemos crear e manter as condicións para que estas persoas poidan seguir activas, podendo desempeñar múltiples actividades culturais, recreativas, sociais e que as mesmas se axusten ás súas capacidades e intereses. E nese sentido ofertámoslles un amplo abano de oferta cultural, deportiva, formativa, lúdica, social… municipal.

 

A de hoxe é unha data propicia para render unha merecida homenaxe aos nosos maiores, aos que lles debemos o actual estado de benestar. Os adultos maiores son as persoas que merecen un maior recoñecemento por dedicar gran parte da súa existencia para fomentar valores familiares e que serviron de legado para as novas xeracións.