DÍA MUNDIAL DA ALIMENTACIÓN E DO PAN

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Unha data a de hoxe con dúas conmemoracións internacionais moi vencelladas entre sí e ao Concello de Mos. Mos é terra de boa alimentación, de comida da casa e produtos naturais cultivados nas nosas hortas dos fogares mosenses; e Mos é tamén terra de pan e de panadeiros, terra de bo pan.

Por iso hoxe desde o Concello de Mos queremos, con esta imaxe de arquivo, renderlles ás nosas panaderías e aos nosos panadeiros mosenses unha merecida homenaxe. Polo seu bo facer e polo seu duro traballo co que nos alimentan e nos permiten gozar na mesa cada día.

Cada 16 de outubro desde o ano 1979 conmemórase o Día Mundial da Alimentación, Unha celebración promovida pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), co claro obxectivo de diminuír a fame no mundo, propósito que tamén busca a Axenda 2030 coa súa meta de fame cero.

Pola súa banda, o Día Internacional do Pan, proclamado pola Federación Internacional de Panadeiros (UIB) desde o ano 2006, celébrase tamén hoxe, 16 de outubro, co obxectivo de dedicar un día a un dos alimentos máis tradicionais en todo o mundo, así como para dar a coñecer o seu valor nutricional e importancia na dieta diaria dos seres humanos.