Dúas familias mosenses máis poderán optar a vivendas de aluguer social, esta vez nas que foran casas dos mestres de Dornelas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello traballa na desafectación e posterior cesión á administración local por parte da Xunta de Galicia

                                                     

            Esta mañá desprazouse ata Mos o Inspector de Centros Educativos de Mos e Vigo da Xunta de Galicia para visitar, acompañado da concelleira de Educación mosense, Kely Monzón, e do Secretario municipal, as dúas vivendas que foran dos mestres das chamadas Escolas Unitarias de Dornelas. O Inspector acudiu para certificar o estado das dúas vivendas, -que xa se atopan desocupadas-, de cara a proceder a continuación á súa desafectación e posterior cesión das mesmas por parte da Xunta de Galicia ó Concello de Mos.

 

Unha vez desafectadas e cedidas a súa titularidade ó Concello, pasarán a formar parte da bolsa municipal de vivendas de aluguer social, na que se atopan tamén incluídos os recentemente adxudicados tres pisos da Urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga. O Concello de Mos é propietario dun total de seis vivendas na zona de San Eleuterio, as cales estiveron todas ocupadas ata fai uns meses, quedando libres os tres pisos que saíron a proceso de adxudicación en réxime de aluguer. Agora, con estas dúas vivendas en Dornelas, o Concello sumaría unha bolsa dun total de 8 vivendas en réxime de aluguer social.

 

As dúas vivendas de Dornelas atópanse situadas detrás do edificio das antigas Escolas Unitarias da parroquia, onde actualmente ten instalada a súa sede a Asociación de Veciños de Dornelas.

 

Sobre este procedemento a edil Kely Monzón declaraba hoxe que “é unha alegría poder dotar de vivenda a dúas familias mosenses máis nestes tempos tan duros de crise nos que é importantísimo o dereito á vivenda e o acceso á mesma”. As condicións a cumplir polas familias que opten a ocupar estas dúas vivendas aparecerán especificadas nas bases, que se publicarán cando sexan efectivos os procesos de desafectación e cesión.

 

Respecto desta iniciativa, a concelleira delegada de Educación declararou que “o Concello de Mos, vendo a complicada situación económica de moitas familias por mor da crise, decidiu iniciar os trámites necesarios para sacar a adxudicación estas dúas vivendas en Dornelas, para que os veciños e veciñas do municipio poidan optar a alugalas”.