Educación en reciclaxe para os escolares de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello impartiu esta semana unha charla didáctica ao alumnado de 3º e 4º cursos de primaria dos cinco colexios públicos mosenses

 

O alumnado de diferentes centros educativos mosenses foi beneficiario durante esta semana dunha charla organizada e impartida polo Concello, dentro do programa municipal de actividades en horario lectivo, sobre a reciclaxe de residuos. A iniciativa parte da concellería de Educación que dirixe a edil Julia Loureiro en colaboración coa concellería de servizo de recollida de residuos, cuxo responsable é o edil Gonzalo Alonso, quen ademais visitou aos escolares nos centros durante o desenvolvemento da charla.

 

Os obxectivos desta actividade son a concienciación sobre a importancia de facer a selección dos distintos residuos xerados nas vivendas, que o alumnado tome conciencia dos residuos que se xeran en cada fogar a diario, o cambio de hábitos no fogar no caso de non facer a separación selectiva de residuos e concienciar da importancia que ten manter limpos os espazos, neste caso nun medio natural (bosques, praias, parques, rúas).

 

A actividade foi proposta para os alumnos de 3º e 4º de primaria. O CEIP Atín  participou cun total de 23 alumnos/as, o CEIP Mestre Martínez Alonso participou cun total de 34 alumnos/as, o CEIP Pena de Francia participou con 34 alumnos o CEIP Petelos con 20 alumnos/as e o CEIP Mestre Valverde Maio con 25 alumnos/as. O total de alumnos/as que se beneficiaron desta actividade foi de 136.

 

A charla consistiu nunha exposición en 4 bloques: o  entorno medioambiental, o lixo e as súas distintas posibilidades de reciclaxe, o novo ciclo de vida para o lixo e preguntas, dúbidas e inquedanzas.