En pouco máis dunha semana o Concello de Mos contará con 33 novos traballadores

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As contratacións realízanse grazas a plans de apoio de distintas administracións e suman unha inversión total de 255.359,22 euros

A concesión de subvencións de administracións autonómicas e provincial permítenlle ao Concello incrementar a súa plantilla de persoal en 33 traballadores e traballadoras que estarán en activo na súa totalidade nun prazo de pouco máis dunha semana, tal e como informaba hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen destacaba “a importancia deste reforzo profesional que permitirá optimizar servizos municipais de mantemento de parques e xardíns e limpeza, así como velar pola seguridade dos bañistas durante a tempada estival na piscina ao aire de San Eleuterio, previr e loitar contra os incendios forestais… etc.; ao mesmo tempo que continuamos deste xeito a promover políticas activas de fomento do emprego que nos axuden a seguir diminuíndo a taxa do paro en Mos, que se atopa xa actualmente en niveis de 2005”.
Na contratación dos 33 traballadores/as investiranse un total de 255.359,22 euros.
8 destes traballadores incorporáronse ao traballo na administración local mosense xa o pasado mes de maio e foron contratados con cargo ao Plan Concellos 2018-2019 na liña de ‘emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais’. Dos 8 contratados con cargo a este plan hai un oficial de primeira xardineiro, 3 peóns de obras públicas e 3 operarios conservadores de parques e xardíns. Os 8 traballarán no Concello de Mos ata finais de ano e para elo a administración local recibiu da Deputación unha axuda de 93.968,14 euros.
Os 20 traballadores restantes comezarán a traballar no Concello de Mos nun prazo de pouco máis dunha semana. Deles 4 son peóns forestais que se contratarán durante 9 meses grazas á subvención de 45.000 euros do programa Aprol Rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria. 2 son monitores-socorristas para velar pola seguridade dos bañistas na piscina de San Eleuterio durante a tempada estival. O contrato terá unha duración de dous meses e o importe subvencionado ascende 6.400 euros. Esta axuda atópase enmarcada na liña de subvencións da Secretaría Xeral de Emprego para entidades locais que contraten traballadores desempregados para a realización de obras e servizos de interese xeral e social.
Por outra banda outros 5 destes traballadores incorporaranse á plantilla do Concello de Mos grazas á subvención para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. Trátanse de 1 auxiliar administrativo, 2 operarios de limpeza e 2 peóns. A axuda, da consellería de Economía, Emprego e Industria, ascende a 49.311,46 euros.
Por último está a subvención anual da que goza dende 2016 o Concello de Mos para a prevención de incendios forestais grazas a un convenio de colaboración asinado coa consellería do Medio Rural. Grazas a esta axuda a administración local mosense vai contratar a unha brigada contra incendios formada por 14 persoas: 9 condutores motobomba, 4 operarios peóns e 1 xefe de brigada. O importe total da axuda concedida por Medio Rural ascende a 60.679,62 euros.