Escolares mosenses coñecen o funcionamento da Administración Local desde dentro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ao longo de esta semana o alumnado de 4º de Primaria dos 5 colexios públicos de Mos visita o Concello guiado polo goberno e os traballadores municipais

 

136 alumnos/as de 4º curso de Educación Primaria dos colexios de Mos están a pasar ao longo desta semana polo Concello onde a alcaldesa, Nidia Arévalo, concelleiros/as membros do equipo de goberno local e funcionarios/as municipais achéganlles coñecementos sobre a Administración Local para que coñezan dunha maneira directa aos representantes locais, cal é a súa función dentro da administración, que función ten cada área-departamento e que tipo de xestións se levan a cabo desde cada un deles.

 

De luns a venres os escolares están a visitar as instalacións da Casa Consistorial. O luns 3 de febreiro fixérono os do CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, onte os de Pena de Francia, hoxe estiveron os do CEIP de Petelos, mañá virán os do Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda e o venres, día 7 de febreiro, farano os do CEIP de Atín.

 

O obxectivo fundamental desta iniciativa, incluída no programa de actividades dentro do horario lectivo organizado cada curso escolar pola concellería de Educación do Concello de Mos, é que os cativos mosenses coñezan de primeira man a Administración Local, así como a súa xestión e o funcionamento interno dos distintos departamentos municipais.

 

Durante a actividade o alumnado participante é recibido pola alcaldesa, quen lles explica a súas labores e funcións na Administración, así como o funcionamento xeral da mesma.

 

Hoxe os nenos e nenas do Colexio de Petelos interesáronse incluso por coñecer o despacho da alcaldesa, onde se inmortalizaron cunha fotografía  na que unha das rapazas presentes fixo o papel de rexedora local, ocupando a silla de Arévalo.

 

Seguidamente o alumnado pode coñecer os diferentes departamentos da man do propio persoal funcionario. Entre eles o departamento de Secretaría, o de Intervención/Tesourería/Recadación, o de Rexistro/Padrón o de Persoal, o de Formación e Emprego, o de Educación e Participación Cidadá, o de Urbanismo e Medio Ambiente, o de Servizos Sociais e o CIM (Centro de Información á Muller) de Mos.