Este sábado celébrase o Campionato Escolar de Natación na Piscina Municipal de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A competición dará comezo ás 17.00 horas da tarde

 

O concelleiro de Deportes do Concello de Mos, Isidoro Táboas, e a edil de Educación mosense, Kely Monzón, lembraron hoxe que o Campionato de Natación Escolar Val da Louriña 2013 celebrarase o 25 de maio, -o vindeiro sábado- a partir das 17.00 horas da tarde, na Piscina Municipal que se atopa no Pavillón Óscar Pereiro.

 

Este campionato está organizado conxuntamente entre o Concello de Mos e o Club de Natación Mos, e contará cun total de 140 nadadores competindo. Todos os participantes son nadadores non federados e non pertencentes a ningún clube de natación, con idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos, ambas incluídas.

 

Os competidores estarán divididos en catro categorías: a primeira formada por nenos e nenas de 6 e 7 anos, a segunda de 8 e 9 anos, a terceira de 10 e 11 anos e a cuarta de 12 e 13 anos. As dúas primeiras categorías participarán competindo nunha proba de 25 metros crol, mentres que as terceira e cuarta categorías realizarán a proba de 50 metros crol.