Estudiado o 40% das alegacións do PXOM de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Estímase ter analizada a totalidade das mesmas de cara ó vindeiro mes de xuño

 

A concelleira de Urbanismo mosense, Julia Loureiro, informou hoxe do punto no que se atopa o estudio das alegacións presentadas ó documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado inicialmente. Loureiro explicou que o equipo redactor do Plan Xeral de Mos está a estudiar ditas alegacións mantendo un contacto constante cos técnicos municipais do departamento de Urbanismo.

 

Ata o momento o equipo redactor do PXOM leva estudiadas as alegacións dos núcleos rurais de tres parroquias, e se atopan actualmente co estudio dunha cuarta; o que representa que levan analizado xa o 40% do total de alegacións presentadas.

 

Loureiro estima que a análise desta cuarta parroquia da que se están nestes intres a estudiar as alegacións dos núcleos rurais estará finalizada despois de Semana Santa, momento no que está previsto que o equipo redactor acompañado dos técnicos municipais se dirixa, -previa reunión cos tres grupos políticos da Corporación Municipal para que lle dean o visto bo unánime ó informe-, á Xunta de Galicia para constatar que dende a administración autonómica consideran que o labor realizado ata o de agora vai polo bo camiño e se pode continuar na mesma liña de traballo.

 

“Tras a reunión na Xunta posterior á vindeira Semana Santa”, explicou Julia Loureiro, “e se na consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nos dan o traballo coas alegacións estudiadas ata o momento como correcto, continuaremos coa análise das alegacións de núcleo rural do resto das seis parroquias mosenses seguindo os prazos previstos de evolución do proceso do PXOM”.

 

Asimesmo a edil de Urbanismo considera que de cara ó vindeiro mes de xuño estarán xa analizadas tódalas alegacións de núcleo rural das dez parroquias do termo municipal de Mos e se pasará, a continuación, ó estudio dos parámetros máis xerais como son zonas urbanizables e industriais, distintos viais, ordenanzas, etc; xa que a día de hoxe aínda se están a recibir no Concello diversos informes sectoriais a este respecto. A resposta ás alegacións presentadas realizarase ó final do estudio, unha vez estea analizada a totalidade de alegacións existentes.