‘Arteciclado’ no Pazo de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en

Map Unavailable

Día

14/04/18

Arte ecolóxica e sen barreiras

Mulleres con discapacidade intelectual de EVD Galicia expoñen no Pazo de Mos demostrando que son verdadeiras artistas concienciadas co medio ambiente

Non existen límites, prexuízos nin barreiras sociais que poñan freo á ilusión e ás ganas que as mulleres do Centro Ocupacional de Petelos de EVD Galicia poñen en tódolos proxectos que emprenden e nos que, ademais, fan gala do seu bo facer.

A vea artística é outra das virtudes destas mulleres que desde o verán do 2017, no Centro Ocupacional de EVD Galicia en Mos-Petelos, puxeron en marcha un proxecto sobre reciclaxe e medio ambiente con diversos talleres formativos e creativos.

Nos devanditos obradoiros crearon diferentes obras que agora forman parte da exposición ‘Arteciclado’ que se pode visitar no Pazo de Mos. A inauguración tivo lugar no Pazo de Mos o pasado 14 de marzo ás 18:00 horas e estará aberta ao público ata o 14 de abril.

A visita libre pode realizarse en horario do Pazo, de 17:00 a 21:00 horas de luns a sábado. Os domingos e festivos permanecerá pechada. E para quen prefira unha visita guiada coas persoas que participaron na elaboración das obras, pode facelo os luns, xoves e venres en horario de 10:00 a 12:00 horas. En caso de visita guiada, esta debe ser solicitada previamente a través da dirección de correo: centroocupacional.mos@evdgalicia.com

As propias artistas protagonistas desta mostra declaran sobre como naceu a mesma que “mentres reciclabamos e aprendiamos cousas interesantes, xurdiu a idea de facer algo cos materiais que xa non utilizabamos ou refugabamos porque non servían e tamén co que recolliamos na contorna. Pensamos en buscar a maneira de que, transformándoo, volvese ter unha vida diferente. E así naceu…”

Esta mulleres foron capaces de transformar o lixo que desfeitamos, e que nos rodea sen que reparemos nel, en verdadeiras e fermosas obras de arte. Un proxecto fantástico que fai reflexionar sobre a importancia e o coidado do medio ambiente ao tempo que demostra as capacidades das súas creadoras. Trátase dun xeito de facer patente, unha vez máis, que non existen barreiras para estas mulleres cheas de entusiasmo e, polo que se pode ver no Pazo, tamén de talento artístico.