Entroido 2019

Escrito por Concello de Mos. Posteado en

Map Unavailable

Día

02/03/19 - 06/03/19

O grupo América, estrela da programación mosense do Entroido 2019

Actuará o vindeiro sábado ás 23.00 horas en Puxeiros

A programación municipal organizada polo Concello de Mos para a celebración do Entroido comezou o pasado 24 de febreiro cunha excursión para maiores a Verín e Xinzo de Limia que contou cunha trintena de participantes e continúa con actividades variadas para todos os gustos e idades.

O sábado 2 de marzo a partir das 23.00 horas en Puxeiros celebrarase unha gran festa de Entoido amenizada polo grupo América.

Os cativos de Mos poderán tamén disfrutar, aprender e divertirse nos habituais Obradoiros Infantís de Entroido que acolle o Multiusos das Pozas. Esta iniciativa, fundamental para a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais de alumnos/as que teñen que traballar durante as vacacións dos seus fillos, vai dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade e de 13 a 17 anos. Para o grupo de menor idade as temáticas dos obradoiros serán elaboración de máscaras e traxes de Entroido; e o grupo dos maiores fará manualidades, baile deportivo e defensa persoal. As datas de celebración deste campamento serán os días 4, 5 e 6 de marzo en horario matinal de 09.00 horas a 14.30 horas.

O 4 de marzo celebrarase na discoteca Queen en Sanguiñeda a festa infantil de Entroido titulada ‘Luns de Entroido’ que dará comezo ás 17.00 horas da tarde e terá entrada gratuíta, levando invitación, para os/as nenos/as de ata 16 anos de idade; e entrada de 4 euros para os adultos.

Desfile de Comparsas

O tradicional Desfile de Comparsas do Concello de Mos celebrarase o domingo 3 de marzo ás 17.00 horas na Avenida de Sanguiñeda.

O desfile divídese en dúas seccións: infantís ata 12 anos, e adultos, de 13 anos en adiante. Considéranse dunha ou doutra categoría atendendo á porcentaxe de idade que teña maior número de compoñentes, como mínimo nun 60%.

A día de hoxe hai inscritas no Desfile de Mos 14 comparsas, 12 de adultos e 2 infantís. Das 14 comparsas participantes, 6 son de Mos, 4 de Vigo, 2 de O Porriño, 1 de Salvaterra, e 1 de Tomiño. As comparsas infantís son unha do Porriño e outra de Vigo.

O comezo do desfile terá lugar diante do concesionario da Renault en dirección ás inmediacións da Discoteca Queen. Ao remate do mesmo haberá un DJ e animación infantil que amenizarán a entrega de premios.

Os premios que inclúe o Concurso de Comparsas do Desfile de Entroido do Concello de Mos son: Premio único á mellor comparsa infantil, Premio único á mellor comparsa de adultos, Mención especial á mellor carroza, Mención especial ao mellor vestiario, e Mención especial animación.