Festa da Rosa

Escrito por Concello de Mos. Posteado en

Map Unavailable

Día

06/06/20 - 21/06/20

500 persoas de distintos colectivos mosenses participan este ano na primeira edición on line da Festa da Rosa

O pregoeiro deste ano é un mosense cun papel excepcional durante a presente crise sanitaria do COVID-19, Ángel Pichel, Xefe de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo mosense, Sara Cebreiro, presentaron a que desde o Concello definen como ‘A Nosa Festa’: a Festa da Rosa do Concello de Mos, declarada de Interese Turístico de Galicia.

Nesta ocasión, dadas as circunstancias excepcionais que estamos a vivir a consecuencia da crise sanitaria do COVID-19, a Festa da Rosa 2020 contará cunha programación íntegramente dixital, a través das redes sociais municipais.

Sobre a mesma as representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declararon que “a pesar de que sexa unha celebración diferente, coma sempre fixémola con todo o cariño, procurando manter o espíritu da nosa festa tradicional e que o programa sexa un reflexo dos actos que viñan sendo xa un referente histórico pola súa continuidade ano tras ano. Ademais, tamén coma sempre, quixemos que fora do agrado de todos os públicos, tendo en conta a todos os colectivos mosenses”. E é que son moitos os artistas, músicos, colectivos, asociacións culturais e veciñais e clubes deportivos que colaborarán coas súas intervencións on line no programa festivo. En total suman preto de 500 persoas de distintos colectivos as que participan este ano nas festas.

Neste senso rexedora local e edil de Cultura agradécenlles enormemente a súa participación aos colaboradores “sen a que, neste caso máis que nunca, a nosa festividade grande municipal non sería posible. É de agradecer que, en intres especialmente difíciles coma estes, os colectivos e a sociedade mosense en xeral non só mantiveran o seu apoio ao Concello, senón que incluso o reforzaran”, dixeron.

A Festa da Rosa 2020 nas redes contará con programación do 6 ao 21 de xullo. Os actos dixitais comezarán o 6 de xullo porque é o día que remata o loito nacional decretado en honra e memoria das víctimas do COVID-19. E precisamente o pregoeiro deste ano é un mosense que sabe moito e moi vinculado a esta crise sanitaria, e ao que lle temos que agradecer enormemente o seu labor durante a mesma; trátase de Ángel Pichel, veciño natural da parroquia de Pereiras e Xefe de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A programación en redes da Rosa 2020 incluirá todos os días de luns a venres: saúdas, participación das asociacións, vídeos, actuacións musicais, obradoiros e presentación do concurso de vídeos de rosas.

O sábado 6 de xuño haberá un obradoiro on line de empanada de pan de millo e publicarase un vídeo do Torneo de Patinaxe Rosaleira. O domingo 7 publicarase un vídeo sobre o torneo de fútbol “Memorial Juan Estévez, Nené” (no que aparecerán o Club Louro Tameiga, a U.D. Mos, e o Alerta Club de Fútbol) e outro vídeo do Abrente Folk. O venres 12 haberá un saúda da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña e presentarase o vídeo oficial promocional da Festa da Rosa 2020.

O propio ‘Día da Rosa’, o sábado 13 de xuño, ás 12.00 horas, retransmitirase en directo en streaming a través da páxina de Facebook do Concello de Mos o pregón a cargo de Ángel Pichel, Xefe de Urxencias do Hospital A. Cunqueiro, seguido da intervención da alcaldesa, Nidia Arévalo. Tamén se contará ese día cun vídeo da actuación da Banda de Música Xuvenil de Torroso, un saúda e outro vídeo da actuación de Andrea Pousa.

O domingo 14 a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, saudará e haberá tamén unha actuación infantil a cargo de María Fumaça. O sábado 20 celebrarase a Xuntanza Virtual de Palilleir@s (a cargo da Asociación de Palilleir@s de Mos). E o domingo, día 21 publicarase vídeos do Festival de Corais de Asomamos, Memorial Constante Lago, e das Escolas de Patinaxe de Mos. Ese día realizarase tamén o fallo do concurso de rosas e pecharase a programación festiva coa gran Uxía Senlle.

Concurso infantil de vídeos das vosas rosas

Oconcurso infantil de vídeos das vosas rosas’ consistirá en que os participantes enviarán por correo electrónico os seus vídeos para potenciar a creatividade e sobre todo fomentar a imaxinación d@s nos@s pequen@s artistas mosenses, enfocado exclusivamente para o público con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos.

 

A presentación do vídeo poderá ser en galego ou en castelán. Presentaranos  a través do vídeo as roseiras dos seus xardíns ou cerramentos. A duración máxima do vídeo será dun máximo de tres minutos. En relación ao tema, convídase aos pequenos a engadir tamén unhas verbas relacionadas coa roseira que nos presenta, na casa de quen está, en que parroquia, descrición… Pódese engadir un desexo ou unha mensaxe de ánimo facendo referencia a esta situación. Pídese tamén que dedique o vídeo a un maior do seu contorno (que tamén pode aparecer no vídeo) e que pode ser un avó, unha avoa, un veciño, veciña, amigo da familia… como heroes desta pandemia. Xunto no correo electrónico débese facer constar nome, idade, enderezo e teléfono de contacto. Só se aceptará un vídeo por persoa. As rosas deberán ser cultivadas nas leiras dos participantes ou da súa familia.

 

Publicaranse nas redes todos os vídeos enviados ata o xoves 18 de xuño. As obras deberán ser remitidas por mail ao enderezo: festadarosa@concellomos.es

 

Todas as obras recibidas serán publicadas e poderanse visitar no Facebook  do Concello de Mos, onde permanecerán expostas para uso e desfrute de toda veciñanza. Establécense tres premios iguais: set de xardinaría para o cultivador e maillot oficial de Mos de La Vuelta 2020 co seu nome para o nen@. O xurado estará formado por dous profesionais do sector da xardinería-floristería, un representante dos centros educativos (director/a CEIP) e unha representante dos centros de eduación infantil de Mos (directora A Galiña Azul) e un/unha traballador/a do Concello (secretario/a do xurado).