‘O Son do Pazo’

Escrito por Concello de Mos. Posteado en

Map Unavailable

Día

31/08/18 - 01/09/18

O entorno do Pazo de Mos acolle o seu cuarto festival intercéltico
‘O Son do Pazo’ conta en cartel este ano con Leilía, Xabier Díaz e Airiños do Castelo entre outros
Esta tarde celebrouse a presentación do IV Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’. O acto tivo lugar no Pazo de Mos coa asistencia de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura mosense, Camilo Augusto, concelleiro de Coordinación de Asociacións e Patrimonio, Juana María Moreno Blanco, presidenta do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos; demais membros da directiva do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia (entidade organizadora do Festival) e da Fundación Pazo de Mos.
O Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’ é un festival de música folk que se vai realizar en Mos, concretamente no entorno do Pazo de Mos, os días 31 de agosto e 1 de setembro. Esta vai a ser a cuarta edición, para a cal contarase con grandes grupos do mundo folk; pretendendo que este Festival se convirta nun referente da música galega, tanto neste Concello como na zona sur de Galicia e norte de Portugal.
Este evento está organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, (con sede no Pazo de Mos), contando coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Mos, Fundación Pazo de Mos e Deputación de Pontevedra.
Respecto do mesmo a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceulles encarecidamente hoxe a todos os que o fan posible os seus traballo e colaboración “tanto á entidade organizadora Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia, como a colaboración da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, hoxe representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo”, dixo.
Obxectivo do Festival
A idea principal é consolidar este evento como un referente da música galega, pasando a formar parte dunha das citas máis importantes do panorama folk. Tamén se persegue o obxectivo de converter este evento nun festival intercéltico onde o público poida gozar da música de grupos da cultura Celta.
Os asistentes a este Festival contarán cun lugar para poder realizar acampada libre e así poder disfrutar dos dous días de concertos. A acampada, totalmente gratuíta, poderá facerse no Pavillón Patricia Martínez, xunto ao Colexio Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos.
A programación constará dos seguintes concertos e actividades: o venres 31 de agosto a partir das 20:00 horas apertura de exposición e postos, seguida da presentación do Festival ás 22.00 horas e actuacións a partir das 22.30 horas: Airiños do Castelo, Leilía e H2 Folk.
O sábado 1 de setembro ás 12.00 horas farase a apertura de exposicións e postos, ás 12.30 horas chegará a sesión vermú con concerto de A Vacaloura Vermella, ás 16.30 horas comezará o espectáculo a cargo de As Maimiñas. Ás 18.30 horas e 21.00 horas actuará Treboada Baixo Miño. E ás 19.00 horas Xisco Feijoo impartirá un obradoiro aberto de balde.
Os concertos do sábado noite chegarán pisando forte con Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre ás 21.30 horas, seguidos de Backwest Irlanda e Andoa.
O cambio entre concertos será amenizado musicalmente neste caso pola Banda de Gaitas Airiños do Castelo.
“Bailamos”
Por terceiro ano consecutivo, vaise integrar dentro da programación de ‘O Son o Pazo’ o festival “Bailamos”, no que actuarán, durante a mañá do sábado, e antes do inicio da sesión vermú, grupos de baile galego do Concello de Mos. A idea principal da organización do festival segue a ser a de consolidar o evento como un referente da música folk, pasando a formar parte dunha das citas mais importantes no panorama local.
Comer e beber en ‘O Son do Pazo’
O recinto do Festival contará no seu interior con varios Food Truck e bar para que ninguén pase fame e todo o mundo poida comprar de comer e de beber sen desprazarse nin saír do recinto. Os postos de artesanía son xa unha constante dende a primeira edición.