Obradoiro marmeladas terceira idade

Escrito por Concello de Mos. Posteado en

Map Unavailable

Día

18/04/18 - 23/04/18

Obradoiro de marmeladas para maiores impartido por EVD Galicia

Realizarase o 23 de abril e o prazo de inscrición remata o día 18 deste mes

Dende a concellería de Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Julia Loureiro organízase un obradoiro de elaboración de marmeladas para os maiores do municipio que ao mesmo tempo promove a integración na sociedade e promove a igualdade de oportunidades para as mulleres do centro residencial e ocupacional EVD Galicia, sito en Petelos.

A actividade terá lugar o día 23 de abril en horario de 17.00 a 19.00 horas da tarde no centro EVD de Petelos.

Esta actividade vai dirixida á terceira idade, pensionistas maiores de 55 anos ou persoas maiores de 65 anos de idade. Respecto desta iniciativa a concelleira Loureiro declarou que “as usuarias das Escravas da Virxe Dolorosa, coa súa sede na parroquia de Petelos, son unha gran mostra de integración e de traballo, polo que consideramos que é unha boa idea que as rapazas que alí residen poidan amosar o seu traballo aos nosos maiores, xa que elas son produtoras habituais de marmeladas para a comercialización; demostrando que o colectivo de persoas con discapacidade ten unha enorme valía, entre outros ámbitos da sociedade, no ámbito laboral. De xeito que decidimos levar á terceira idade de Mos a realizar este entretido obradoiro en conxunto”.

A actividade consiste na visita dos maiores ó centro de EVD Galicia en Petelos. Alí as rapazas explicaranlles da súa man o funcionamento do mesmo no comedor do centro. Seguidamente, en pequenos grupos distribuídos nas diferentes mesas, as rapazas explicarán a actividade a realizar. Faranse grupos para lavado e pelado de froita e para atender ó proceso do cociñado das mesmas. Unha vez cocidas as froitas, encheranse os botes co produto final.

Ó final da elaboración das marmeladas, entregarase un tríptico a todos os/as participantes con información sobre o centro e un bote pequeno cunha mostra da marmelada xa elaborada previamente no obradoiro para que leven de recordo. Farase tamén un pequeno percorrido polo centro para que os/as maiores coñezan as instalacións e o funcionamento do mesmo, guiado polas rapazas que alí residen.

Os/as interesados/as en participar teñen como prazo de inscrición ata o día 18 abril. A publicación da listaxe de admisión realizarase o día 19. A participación neste obradoiro é totalmente gratuíta.

Plan municipal para a integración social

Este obradoiro de elaboración de marmeladas enmárcase tamén no plan municipal integral creado para promover a plena integración social das mulleres de EVD Galicia. Dito plan inclúe diversas accións tales coma visitas e obradoiros con escolares e maiores, apoio en labores de limpeza no Concello, acompañamento de persoas maiores a través do Servizo de Axuda no Fogar, prácticas laborais en empresas, creación dun equipo de fútbol feminino, cesión do uso da Aldea Alfacuca en Louredo, etc. Toda unha serie de iniciativas enfocadas cara ao fin último de que estas mulleres sexan e se sintan plenamente autónomas, autosuficientes e realizadas.