Exercicio Físico e viaxar, actividades fundamentais para os maiores de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O programa Exercítate e unha excursión a Cantabria son as novidades deste mes dirixidas ós mosenses máis veteranos

Esta mañá os maiores mosenses iniciaron as súas clases de ximnasia de mantemento e natación do programa municipal Exercítate nas instalacións do Pavillón Óscar Pereiro nas que se atopan ubicados tanto o ximnasio coma a piscina municipais. Para darlles á benvida ós usuarios de ambas clases deste programa estiveron presentes hoxe no Óscar Pereiro a concelleira de Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, e o edil de Deportes, Isidoro Táboas. Os representantes municipais manifestáronse moi satisfeitos co éxito de acollida inicial deste programa xa que, nada máis comenzar, xa conta con dous grupos en cada unha das actividades –ximnasia e natación- con 30 alumnos e alumas en cada grupo, co que suman un total de 120 maiores que se estima continuarán aumentando na medida que avancen os meses.

Co programa Exercítate os maiores de Mos teñen unha oportunidade máis para manterse en forma tanto física como mentalmente durante o curso 2012/2013. E é que mediante a realización en grupo de actividades físicas e deportivas, conséguese establecer uns importantes lazos de comunicación entre as persoas maiores, intercambiando experiencias e opinións; atribuíndo así unha maior riqueza e complementariedade ás actividades. Ademais, estas pretenden ser unha fonte de estimulación intelectual e física variada, de forma que sexan motivadoras e que inciten a participar de forma activa ós maiores do municipio evitando que caian na sedentariedade e perdan, por conseguinte, saúde física.

Esta iniciativa vai dirixida a veciños e veciñas de Mos maiores de 60 anos ou pensionistas maiores de 50 anos. Ós inscritos nos dous cursos, natación e ximnasia, sáelles un deles totalmente gratis.

Mos volcado nos seus maiores

Sen embargo, esta non é a única iniciativa emprendida este ano polo Concello de Mos para que os seus habitantes máis veteráns se manteñan activos. Xustamente está programada unha excursión a Cantabria a realizar dende o día 25 de outubro ata o 28 de outubro, durante a que se visitarán as praias de Liencres en Santander, o Parque de Cabárceno, tamén en Liencres, diferentes puntos dos Picos de Europa coma o Monasterio de Liébana, Potes e San Vicente de la Barquera; e ademais coñecerán Santillana del Mar e Comillas.

O prezo desta viaxe é de 185 euros por persoa e os interesados en inscribirse teñen de prazo dende mañán, mércores 3 de outubro, ata o día 16 de outubro. A lista de admitidos farase pública o 17 de outubro. As persoas interesadas en obter máis información sobre esta excursión poden chamar por teléfono á concellería de Participación Cidadá, ó número 986 33 94 04.

Son varios os programas que, no que vai de 2012, a administración local leva desenvolvido a prol do benestar dos seus maiores, tales coma os programas de termalismo financiados pola Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Imserso; ou o obradoiro de axilidade mental e memoria organizado pola concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón.

Este último celebrouse no Multiusos durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, e nel os 14 maiores mosenses participantes realizaron diariamente actividades físicas e de estimulación cognitiva, xa que para acadar o benestar tanto físico como psicolóxico é necesario practicar a actividade física durante polo menos 30 minutos ó día e lograr así que se convirta nun hábito. Ademais neste obradoiro, destinado a estimular o desenvolvemento cognitivo, realizáronse talleres abertos a todo tipo de variantes: exercicios de memoria, exercicios de atención, cálculo, escritura, lectura, expresión plástica, estimulación dos sentidos, orientación espazo-temporal, linguaxe, etc.

No que respecta ós programas de termalismo da Xunta, Deputación e Imserso, as traballadoras sociais do Concello de Mos xestionaron, no que vai de ano, aproximadamente máis de 200 solicitudes.

Ademais destes tres programas que benefician máis directamente ó benestar físico dos maiores de Mos, dende o Concello organízanse tamén outras iniciativas que contribúen a que estes manteñan unha vida activa na que interactúen con outras persoas da súa idade e do seu contorno, tales coma viaxes, excursións, ceas e xantares de Nadal e Entroido, a anual Festa da Terceira Idade recentemente celebrada en Costoias, etc.