Faise realidade a necesidade histórica de mellorar os accesos a San Eleuterio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

A obra de humanización comezou o pasado decembro e avanza a moi bo ritmo

A obra de humanización do acceso a San Eleuterio, parroquia de Tameiga, comezou a mediados do pasado mes de decembro e está previsto o seu remate de cara á vindeira primavera.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense Vías e Obras, Luis Alonso, informaron hoxe de que os traballos avanzan a moi bo ritmo.
Esta obra era unha asignatura pendente e unha necesidade histórica para o municipio de Mos en xeral e para a parroquia de Tameiga e a zona de San Eleuterio en particular.
Con esta actuación mellorarase a seguridade viaria na contorna da urbanización de San Eleuterio mediante a creación dun novo itinerario peonil seguro que dá continuidade ao existente na Estrada Tameiga-Pereiras, ao Oeste, e chega á Ermida de San Eleuterio, onde se continúa polo Camiño da Levantada, ata a vía de servizo da Autovía A-55, ao Norte.
Esta nova beirarrúa, de polo menos 1.80 metros de ancho, axústase ás aliñacións viarias definidas no PXOM-2017 e garante a seguridade do tránsito peonil entre as vivendas e os equipamentos (Campo de Fútbol, Ermida de San Eleuterio ou Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón).
O ancho da calzada auméntase naquelas zonas onde hai estreitamentos perigosos, sempre axustándose ás aliñacións do plan.
Con isto, conséguese non só aumentar a seguridade dos peóns, senón mellorar nalgúns puntos o trazado viario, e por tanto, a seguridade do tramo.
A actuación compleméntase cos muros e movementos de terra necesarios para ampliar a sección viaria, e tamén con obras complementarias, como o deseño de nova iluminación eficiente, a adaptación da drenaxe ou a mellora da sinalización.
A inversión que require esta obra de mellora dos accesos a San Eleuterio é de 254.449,77 euros e conta con subvención provincial do Plan Concellos 2018.