Fomento acometerá a remodelación da intersección da N-550 en Louredo que permitirá o xiro a Pombal, Pantaño e San Gregorio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

O orzamento do proxecto supera os 711.000 euros

O Concello de Mos informa de que o Ministerio de Fomento ven de remitirlle o proxecto de remodelación da intersección da Estrada N-550 en Louredo, que permitirá o xiro a Pombal, Pantaño e San Gregorio en ambos sentidos. Este proxecto, que será financiado e acometido por Fomento, trátase dunha obra crucial para falicitar os xiros e cambios de sentido de vehículos e optimizar a seguridade viaria nesta estrada nacional.

O proxecto constituía unha importante demanda veciñal pola que os habitantes da zona xa se reuniran varias veces coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. Demanda veciñal que agora se ve satisfeita.

Esta intersección na zona de O Tablado (no punto quilométrico 148+650 da Estrada Nacional 550) permitirá xiros nese punto en beneficio, sobre todo, dos veciños dos barrios de San Gregorio, Pombal e Pantaño. Esta solución ás demandas da veciñanza era de importancia capital.

O orzamento a investir polo ministerio na acometida desta obra que falicitará os xiros e cambios de sentido de vehículos e optimizará a seguridade viaria na N-550 ao seu paso pola parroquia de Louredo ascende a 711.418,47 euros, IVE incluído.