“Galegas na Ciencia” de Isabel Blanco chega aos colexios de Mos para promover a loita contra a violencia e a investigación científica sen barreiras de xénero

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Co motivo da semana da Ciencia e a conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero, as concellerías de Política Social e de Educación fan a presentación do Libro “Galegas na Ciencia”, escrito por Isabel Blanco e ilustrado por María Lapido, hoxe 23 de novembro e os vindeiros días 24, 26 e 30 de novembro.

 

Esta mañá a presentación fíxose no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, coa presenza da autora, Isabel Blanco, que estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira mosense de Educación, Julia Loureiro. As presentacións continuarán os próximos días polos outros catro colexios do municipio.

 

Galegas na Ciencia é un libro sobre 20 mulleres galegas científicas pioneiras, un libro coa intención de animar ás novas xeracións a perseguir os seus soños sen importarlles o que os demais pensen. É un libro que axuda a romper estereotipos de xénero e abre as portas das ciencias a homes e mulleres por igual.

 

A obra ensalza a galeguidade: mulleres cuxas vidas profesionais se desenvolveron fortemente vencelladas a Galicia. Todas atravesaron as portas do mundo científico e tecnolóxico e o fixeron a pesar dos obstáculos e, en ocasións, das burlas e dos desprezos.

 

O esceario cronolóxico do libro enmárcase desde o século XVIII ata o ano 1948. Este libro é homenaxe e alento, é memoria e presente, e sobre todo é saberse futuro.

 

Mañá mércores 24 de novembro será no CEIP de Atín onde Isabel Blanco presentará a súa obra ás 12:30 horas. Aos colexios de Pena de Francia e de Petelos irán as traballadoras do CIM (Centro de Información á Muller) de Mos o día 26 de novembro e, ademáis de presentar o libro, daranlle ao alumnado una charla de prevención da violencia de xénero aos alumnos de 3º e 4º de Primaria. Ao CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda acoderase o 30 de novembro tamén levando tanto o libro como as charlas para 3º e 4º de Primaria.