Gran despliegue de obras de saneamento en 8 das 10 parroquias mosenses na recta final cara ao 100% da acometida municipal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

 

A Xunta licitou hoxe as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras.

 

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que a Xunta licitou hoxe as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras.

 

A Plataforma de contratos públicos de Galicia recolle a licitación destes traballos por un importe de máis de 430.000 euros. As empresas interesadas en executar as obras teñen de prazo ata o día 31 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución é de 4 meses.

 

Este contrato enmárcase na colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Mos, aprobada polo Consello da Xunta o pasado día 15 de abril.

 

Mediante esta colaboración dáse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local. Deste xeito, a Xunta asume o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento desta nova fase na parroquia de Pereiras, que serán financiados no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

 

O concello de Mos pertence ao Consorcio do Louro e dirixe as augas residuais do concello á estación depuradora de augas residuais de Guillarei. A parroquia de Pereiras divide a súa rede de saneamento en zona norte e zona sur, quedando pendente de completar toda a zona norte e parte da sur non executada.

 

Segundo o proxecto redactado por Augas de Galicia, as actuacións que se levarán a cabo para completar a rede de saneamento da parroquia de Pereiras dividiranse en dúas zonas. Na zona norte proxéctase un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros en PVC 315 mm, e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros, en tubaxe de PVC 315 mm. Executaranse tamén 35 pozos. Na zona sur, completarase a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe de PCV 315 mm e un total de 46 pozos. Os traballos completaranse coa reposición dos firmes das vías que resulten afectadas. Coa mellora proxectada servirase unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur.

 

Pero esta non é a única obra de saneamento en marcha nin prevista a curto prazo no Concello de Mos, senón que unha das máximas prioridades da rexedora local e do seu equipo de goberno é acadar canto antes o saneamento integral no municipio, un obxectivo para o que Arévalo atópase en continuas e constantes xestións e para o que busca financiación de administracións supramunicipais e destina tamén fondos propios da administración local, así como persoal municipal.

 

Sen ir máis lonxe, con cargo ao Plan Concellos 2020 acometeuse a finais do ano pasado a obra de saneamento en Pardellas, parroquia de Cela, cunha acometida dun total de 467,97 metros de tubería cos que se dá servizo a 20 vivendas e 72 habitantes.

 

Tamén do Plan Concellos 2020 atópase en execución a obra de acometida de rede de saneamento na parroquia de Louredo, concretamente na estrada Alto de Barreiro-Santiaguiño, que comezou o pasado 24 de marzo.

 

Tamén rematadas, dentro deste mesmo plan provincial, atópanse as obras do Camiño da Ponte. E Camiño de Crasto, na Parroquia de Guizán, e estrada Peinador-Os Valos (tamén parroquia de Louredo) acometeranse a continuación da obra de Alto de Barreiro-Santiaguiño. Todas prevese que estean finalizadas na súa totalidade antes do vindeiro verán.

 

Na parroquia de Louredo, mediante os traballos que se están a acometer nestes intres na estrada Alto de Barreiro-Santiaguiño en Louredo máis os que a continuación se realizarán na estrada Peinador-Os Valos, instalaranse 1.026,93 metros de tubería e darase servizo a 26 vivendas e 100 habitantes.

 

E en Guizán entre o Camiño do Crasto e o Camiño da Ponte (xa realizado) instálanse 1.067,18 metros de tubería e dase servizo a 27 vivendas e 88 habitantes.

 

En total poderán conectarse ao saneamento 488 habitantes das 4 parroquias: Pereiras, Louredo, Guizán e Cela.

 

Ademais con cargo ao Plan Concellos 2021 acometerase a ampliación da rede de saneamento integral do Concello de Mos nas parroquias de Sanguiñeda e Petelos. Actuando nesta última parroquia na zona de Veigadaña, concretamente nos camiños do Cocho, da Fontiña, e da Garabulla. E na parroquia de Sanguiñeda, actuarase concretamente en Amieirolongo. O orzamento total de execución por contrata deste traballos ascende a 137.866,65 euros.

 

Levarase a cabo a execución de 1.342,60 metros de saneamento por gravidade en Veigadaña e 205 metros de impulsión en Amieirolongo sumando un total de 1.547,60 metros de nova instalación de rede.

 

Pola súa banda o Concello de Mos acometerá con fondos propios o saneamento na Estrada Nacional 550 que dará servizo a un importante número de vivendas nos barrios de Gándara e Regadas na zona de Cantín. Trátase dunha obra demandadísima pola veciñanza e coa que a parroquia de Mos acadará o 100% do saneamento instalado.

 

E ademáis persoal municipal do departamento de Vías e Obras está a acometer tramos de saneamento en distintas zonas. Así xa se atopa instalada a rede nos camiños do Pazo e Rial, ambos na parroquia de Tameiga; e ao longo do ano acometerán algúns máis tanto en Tameiga como noutras parroquias do municipio.

 

Sobre estas obras os representantes municipais, Arévalo, e Augusto declaraban esta mañá que “desde o Concello de Mos continuamos a dar pasos e avanzando cara a consecución do saneamento integral no municipio, e facémolo tocando todas as fases: tras anos de acometidas nas que se daba servizo a moitas vivendas, agora atopámonos realizando as fases máis complicadas que corresponden a tramos máis difíciles e nos que hai menos vivendas; que son as que quedaron para o final”. Agora por fin, xa a curto prazo, farase realidade o 100% do saneamento instalado en Mos, que será posible tras tantos anos acometendo obras que deran servizo de alcantarillado á veciñanza.