Grande éxito de afluencia na charla sobre a obtención de Certificados de Profesionalidade celebrada no CDL de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

100 persoas asistiron onte pola tarde a este encontro

 

A charla sobre obtención de Certificados de Profesionalidade celebrada onte pola tarde no Centro de Desenvolvemento Local, CDL, mosense rexistrou un gran éxito no que a número de asistentes se refire, logrando congregar a un total de 100 participantes que encheron o salón de actos do centro.

 

A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón e a de  Formación e Emprego que dirixe Óscar Soto organizaron conxuntamente esta charla sobre Certificacións Profesionais. Neste acto, dirixido tanto a desempregados coma a traballadores en activo, informouse ós participantes de como certificar a súa experiencia profesional. Falouse durante a charla sobre os Certificados Profesionais creados dentro da política común europea, explicando ós interesados como poden optar a postos para os que estean cualificados en calquera país do territorio comunitario europeo.

 

Esta actividade, titulada “Cualifícate”, tivo un acceso totalmente libre e gratuíto para tódolos interesados en asistir, e o seu principal obxectivo  era o de informar sobre as distintas vías polas que se poden obter os Certificados de Profesionalidade, os cales permiten acreditar as competencias profesionais no ámbito laboral.

 

Tendo en conta que máis da metade dos traballadores activos e desempregados non conta cunha acreditación recoñecida da súa cualificación profesional, e a existencia dun elevado porcentaxe de aprendizaxe non formal (cursos de formación non oficiais, actividades de voluntariado,..) que moitas veces provoca dificultades para a súa acreditación e valoración para procesos de selección e  inserción no mercado laboral. Con fin de ofrecer solucións a estas situacións, e dentro do marco da política común europea e materia de emprego, créanse os certificados de profesionalidade.

 

Os Certificados de Profesionalidade son uns documentos que acreditan as competencias profesionais adquiridas mediante formación, para o desenvolvemento dunha actividade laboral. Cada certificado está relacionado cunha ocupación ou posto de traballo e a súa  realización certifica competencias xerais para este posto de traballo. Os Certificados de Profesionalidade, pódense obter por dúas vías: vía formal (superación dun módulos formativos establecidos; neste caso estaríamos falando da formación ocupacional) e a vía non formal (mediante os procedementos para a avaliación e acreditación das competencias adquiridas a través da experiencia laboral acumulada e os cursos realizados).

 

Dende as Concellerías de Participación Cidadá e a Concellería de Emprego, quíxoselles ofrecer tanto ós/ás traballadores/as desempregados/as como ós/ás traballadores/as ocupados/as do Concello de Mos a posibilidade  de poder coñecer todos estes procesos e ter coñecemento das novas normativas que van a posibilitar a obtención dos certificados de profesionalidade a aquelas persoas que estivesen traballando en distintas áreas e conten cunha dilatada experiencia pero non dispoñan dun título que o verifique.

 

As pretensións da organización desta charla foron facilitar información á poboación mosense sobre a acreditación de competencias profesionais, certificados de profesionalidade e probas libres para a obtención do graduado escolar, coa finalidade de aumentar a capacitación formativa dos xoves mosenses; traballar o desenvolvemento de habilidades para a busca de recursos de formación non regrada, ofrecer coñecementos á poboación destinataria sobre os recursos e medios existentes na comunidade para a acreditación de competencias, tanto por experiencia laboral como por formación académica; achegar información sobre a formación non regrada e os certificados de profesionalidade, así como a documentación necesaria para a súa solicitude; informar sobre as competencias clave necesarias para os certificados de profesionalidade e procedementos de avaliación, facilitar información sobre a obtención libre do graduado escolar, facer das concellerías de Educación e Emprego do Concello de Mos, un punto de referencia para a orientación e o asesoramento en canto á formación e capacitación profesional se trata.

 

Os beneficiarios directos deste programa foron os mozos e mozas entre 16 a 24  anos do municipio de Mos. Indirectamente tamén estaba dirixido á poboación xeral veciña do Concello, así como ós xoves entre 16 e 24 anos doutros municipios e que estiveran interesados nestes coñecementos.