Homenaxe á arquitecta mosense Estefanía Grandal e ós seus compañeiros de equipo polo premio COAG

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Recibiron o galardón na Categoría de Equipamentos polo proxecto da Escola Infantil A Galiña Azul de Veigadaña

A mosense Estefanía Grandal e os seus compañeiros do equipo de arquitectos da Escola Infantil A Galiña Azul de Veigadaña (terceira Galiña Azul do Concello de Mos), Faustino Patiño e Juan Ignacio Prieto, veñen de resultar gañadores, fai exactamente unha semana, do premio do COAG na Categoría de Equipamentos. Por iso o Concello de Mos lle organizou a Grandal e ao seu equipo esta tarde un acto de homenaxe no propio edificio obxecto do galardón.
Ao acto asistiron os tres arquitectos, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, membros da Corporación Municipal mosense, representantes do tecido asociativo municipal, pais e nais dos nenos/as da Escola Infantil así como integrantes do equipo de dirección e docentes da mesma.
Arévalo, rexedora local mosense, destacou que “para min como alcaldesa é unha verdadeira honra que entre os integrantes do equipo de profesionais da arquitectura gañadores do premio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia deste ano, se atope a mosense Estefanía Grandal; que ademais é muller e moi nova. Dobre mérito e dobre orgullo para min, para a súa familia e para o seu pobo”, dixo.
Neste acto, moi especial e emotivo, recoñeceuse o logro de tres xoves arquitectos que se fixeron cun premio de alcance autonómico que segundo a valoración do propio COAG lles foi outorgado “pola aparente sinxeleza do esquema en planta, baseado nun círculo cortado por unha secante que delimita o patio, enriquécese notablemente no tratamento da sección, as condicións de iluminación e o uso dos materiais, que compoñen un edificio luminoso e optimista. O acerto no uso da escala, e a disposición do edificio, como un oasis nunha contorna certamente difícil, fan desta obra modesta unha brillante lección de arquitectura”.
As candidaturas presentadas aos XVIII Premios COAG foron 11 na Categoría de Equipamentos, 19 na de Arquitecturas Efémeras e de Baixo Custo, 11 na de Deseño Urbano, Planeamento e Paisaxe, 17 na de Divulgación, Investigación de Deseño, 37 na de Obras de Reforma e Interiorismo, 13 na de Proxectos Fin de Carreira, 20 na de Rehabilitación e 27 na de Vivenda.