Hoxe abre o prazo de pago voluntario das taxas municipais de lixo, sumidoiro e vado

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O último día será o 14 de febreiro de 2014

 

Dende o departamento municipal de Tesourería e Recadación comunícaselles aos contribuíntes mosenses que o período voluntario de pagamento das taxas por recollida do lixo, servizo de sumidoiro e vados do ano 2013 para o Concello de Mos, iníciase hoxe e rematará o 14 de febreiro de 2014, tendo en conta que a data límite de ingreso será ese último día no horario de caixa de cada entidade bancaria colaboradora.

 

As taxas deberán pagarse empregando os instrumentos de ingreso (recibos), que se enviarán aos domicilios dos contribuíntes, a través das entidades bancarias Novagalicia Banco, Banco Popular, Banco Gallego e La Caixa.

 

Os contribuíntes que non reciban nos seus domicilios os instrumentos de ingreso (recibos), poderán solicitalos ata o 14 de febreiro do 2014 na oficina de Recadación do Concello, en horario de 9 a 14 horas, posto que a non recepción do recibo non exonera da obriga do pagamento nin impide a utilización da vía de constrinximento.