Hoxe ábrese o prazo de inscrición para a saída de maiores polo Paseo do Louro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A  excursión realizarase o 29 de outubro en dous grupos, un con inicio ás 10.00 horas e o outro ás 12.00 horas

Dende a concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón estase a organizar unha saída dirixida ós maiores, preferentemente mosenses, que se realizará o vindeiro 29 de outubro polo Sendeiro Ecolóxico do Río Louro.

A planificación da excursión polo Paseo do Louro terá dúas saídas, unha ás 10.00 horas da mañá dende o Parque da Pesqueira, parroquia de Mos, e outra ás 12.00 horas dende o mesmo punto; ambas cunha duración de hora e media aproximadamente.

O obxectivo principal desta actividade é que os participantes na mesma teñan experiencias de lecer que favorezan o encontro cos seus veciños da mesma idade durante a realización de actividades en grupo nas que interactúen uns cos outros. Outra das finalidades é que coñezan a flora e a fauna existente na zona do río que pasa polo municipio de Mos; para isto, contarase co acompañamento dun guía (persoal do Concello) que irá explicando os distintos elementos naturais que se vaian atopando polo camiño.

O prazo de inscrición para os interesados en participar comenza hoxe e prolongarase ata o 26 de outubro. O lugar para cumprimentar a solicitude coa que inscribirse é o Rexistro municipal.