Hoxe rematan as Xornadas Multiaventura do Concello de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

36 rapaces de entre 10 e 17 anos de idade participaron en cursos de surf na Praia de Patos

 

O concelleiro de Mocidade, Leo Costas, e a edil de Participación Cidadá e Deportes, Begoña Toucedo, visitaron aos 36 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 10 e os 17 anos que participaron nas Xornadas Multiaventura do Concello de Mos.

As Xornadas, que se veñen desenvolvendo ao longo de toda esta semana e rematan hoxe, teñen un horario matinal de 09.00 horas a 14.30 horas. Agás onte xoves 4 de xullo, data na que os mozos e mozas participantes realizaron actividades ao longo de todo o día.

Esta iniciativa consistiu nun obradoiro de surf que se desenvolveu na Praia de Patos, impartido polo clube deportivo Prado Surf. Os participantes puideron beneficiarse de sendos cursos de iniciación e perfeccionamento ó surf.

Sobre esta actividade os representantes municipais, Costas e Toucedo, declararon que “dende o Concello de Mos buscamos alternativas de ocio e tempo libre con carácter lúdico, participativo e igualitario co propósito de favorecer a diversión, así como o desenvolvemento persoal e social. Consideramos a necesidade de ofertar actividades de ocio dinámicas e variadas como medio para o crecemento persoal, a realización e a apertura a novas dimensións da vida. O surf é unha actividade que pode practicarse ó longo de todo o ano. Desta maneira, existe a posibilidade de practicar un deporte que favorece o desenvolvemento psicomotor, social e afectivo independentemente do tempo atmosférico que faga. Con esta actividade, pretendemos, que os nenos e nenas aprendan xogando e divertíndose nunha actividade – física deportiva, ó mesmo tempo que gozan dun entorno incomparable e cambiante”.